Pasar al contenido principal

Especialistas de Europa e América danse cita no sétimo simposio internacional de Didáctica das Ciencias Sociais

O sétimo Simposio Internacional de Didáctica das Ciencias Sociais no ámbito Iberoamericano reúnese ata o venres 4 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) organizada pola Red 14, Rede de investigación en ensino das ciencias sociais que integran máis de 100 doutores de dez equipos pertencentes a catorce universidades españolas. Tanto esta rede como o propio simposio está coordinado polo profesor da USC Ramón López Facal, do grupo de investigación Roda da USC.

Participan investigadores europeos de Francia, Italia, Reino Unido, Portugal e España, así como de Canadá, Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Arxentina e Chile. Achegarán un centenar de comunicacións agrupadas en catro liñas de traballo sobre educación histórica, educación patrimonial, identidades e cidadanía, e territorio, espazo e educación cidadá.

No acto inaugural celebrado este mércores participaron o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López; o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante; o decano da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Francisco Rodríguez Lestegás; e o coordinador do encontro, Ramón López Facal. Na organización colaboran coa USC, o Concello de Santiago e o Museo do Poboa Galego, ademais dunha ducia de universidades españolas e americanas.

Presentación libro
No transcurso deste encontro, o xoves 3 ás 12.00 horas, presentarase o libro Acción educativa en museos. Su calidad desde la evaluación cualitativa que coordinan Roser Calaf Masachs e Miguel Ángel Suárez da Universidade de Oviedo e membros de Red 14. O seu obxectivo é reflexionar sobre prácticas de éxito que se desenvolven nos museos onde hai equipos estables que deseñan programas adaptados ás necesidades educativas e sociais dos seus públicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2016.