Pasar al contenido principal

O sábado comeza unha nova Olimpíada Solidaria de Estudo

A olimpíada estenderase dende o 5 de novemebro ao 5 de decembro
A olimpíada estenderase dende o 5 de novemebro ao 5 de decembro
Dende este sábado 5, unha hora de estudo en bibliotecas de Santiago e Lugo equivale a un euro

A USC volve sumarse á Olimpíada Solidaria, unha campaña de sensibilización e solidariedade pola que por cada hora de estudo en bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo doarase un euro para o desenvolvemento de proxectos solidarios. Esta campaña creada pola ONGD Coopera comezará o próximo sábado 5 e estenderase ata o día 5 de decembro coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).

Esta ano, as horas de estudo que se contabilicen en Galicia servirán para axudar a reconstruír tres escolas de Ecuador que quedaron destruídas a causa do terremoto do pasado mes de abril: o Centro de Formación Artesanal Ángela Rosa Cevallos e as escolas Elios Puertas e Sagrada Familia. As tres atópase na provincia de Manabí, unha das máis pobres de Ecuador.

Para facer o cómputo total das horas, habilitouse un terminal informático, no que o estudantado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo. Para que se poida realizar o cómputo o alumnado deberá acumular como mínimo unha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando horas.

O alumnado interesado en cooperar pode facelo nas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, na Biblioteca Xeral e na Concepción Arenal, así como na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte e Campus Vida), Ciencias Económicas e Empresariais, Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

A USC foi a terceira entidade do Estado español que máis cartos recadou na edición do pasado ano da Olimpíada, acumulando un total de 33.977 euros a través da participación de 3.033 estudantes, das que 2.124 eran mulleres. Para acadar máis información, quen estea interesado pode dirixirse a Ernesto Gómez, axente de voluntariado do Servizo de Participación e Integración Universitaria e coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou no correo electrónico sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).

Ligazóns relacionados:

Cartel da edición deste ano

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2016.