Pasar al contenido principal

Comeza unha nova Olimpíada Solidaria de Estudo

Por cada hora de estudo contabilizada, as entidades colaboradoras doarán un euro para proxectos solidarios
Por cada hora de estudo contabilizada, as entidades colaboradoras doarán un euro para proxectos solidarios
Dende este sábado 5, unha hora de estudo en bibliotecas de Santiago e Lugo equivale a un euro para reconstruír escolas en Ecuador

A USC volve sumarse á Olimpíada Solidaria, unha campaña de sensibilización e solidariedade pola que por cada hora de estudo do alumnado en bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo as entidades colaboradoras doarán un euro para o desenvolvemento de proxectos solidarios. Esta campaña creada pola ONGD Coopera comezará o próximo sábado 5 e estenderase ata o día 5 de decembro coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU). As entidades patrocinadoras, entidades públicas o empresas privadas, serán quen acheguen os fondos necesarios para executar os proxectos, tendo en conta o número de horas contabilizadas nas universidades participantes.

Esta ano, as horas de estudo que se contabilicen en Galicia servirán para axudar a reconstruír tres escolas de Ecuador que quedaron destruídas a causa do terremoto do pasado mes de abril: o Centro de Formación Artesanal Ángela Rosa Cevallos e as escolas Elios Puertas e Sagrada Familia. As tres atópase na provincia de Manabí, unha das máis pobres de Ecuador.

Para facer o cómputo total das horas, habilitouse un terminal informático, no que o estudantado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo. Para que se poida realizar o cómputo o alumnado deberá acumular como mínimo unha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando horas.

O alumnado interesado en cooperar pode facelo nas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, na Biblioteca Xeral e na Concepción Arenal, así como na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte e Campus Vida), Ciencias Económicas e Empresariais, Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

A USC foi a terceira entidade do Estado español que máis cartos recadou na edición do pasado ano da Olimpíada, acumulando un total de 33.977 euros a través da participación de 3.033 estudantes, das que 2.124 eran mulleres. Para acadar máis información, quen estea interesado pode dirixirse a Ernesto Gómez, axente de voluntariado do Servizo de Participación e Integración Universitaria e coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou no correo electrónico sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).

Cartel promocional da campaña

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.11.2016.