Pasar al contenido principal

A USC conmemora o luns o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

A USC conmemora o luns o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia
A USC conmemora o luns o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia
Cunha xornada en Lugo sobre muller, ciencia e tecnoloxía, e outra en Santiago para alumnas de bacharelato sobre o traballo no IGFAE

Como cada ano, a Universidade de Santiago conmemora este luns 11 o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, proclamado en 2015 pola ONU co propósito de acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, o seu empoderamento e avanzar na igualdade de xénero.

Entre as actividades previstas, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo acollerá as xornadas de debate ‘Mulleres, ciencia e tecnoloxía’, un foro organizado en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC co obxecto de facer visible o cometido desenvolvido por mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

A sesión, de inscrición gratuíta, estará moderada pola profesora e coordinadora da Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, Ana Isabel García Arias, e nela intervirán a profesora do Departamento de Química Inorgánica da USC Isabel Fernández García; María José Rodríguez Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia; Encina Calvo Iglesias, do Departamento de Física Aplicada da USC, e a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadores e Tecnólogas de Galicia (Amit Gal), Ana Jesús López Díaz.

Este evento de carácter científico servirá asemade para a presentación dunha nova iniciativa promovida desde a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo para favorecer o achegamento das rapazas ás titulacións universitarias de perfil técnico e científico e que se desenvolverá baixo o título ‘ Protagonistas, as enxeñeiras’.

Masterclass ‘Women in science’ Pola súa banda, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) desenvolverá o luns, a partir das 9.30 horas na Facultade de Física, unha actividade que nace da colaboración co Grupo Internacional de Divulgación de Física e o CERN coa fin de achegar ás alumnas de Bacharelato o traballo das investigadoras do instituto.

A xornada ‘Women in science’ contempla unha serie de conferencias introdutorias da Física de Partículas actual ademais dunha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN. Posteriormente, discutiranse os resultados mediante videoconferencia co centro suízo e outros europeos que realicen a xornada simultaneamente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2019.