Investigadores do Campus Terra da USC impulsan un proxecto para optimizar o cultivo e a calidade do lúpulo
Os profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC Javier José Cancela e Xesús Pablo González lideran un consorcio internacionais integrado por 8 partners de Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Eslovenia e Chequia que foi seleccionado entre os catro finalistas dun programa europeo de I+D+i no eido da seguridade e sustentabilidade alimentaria ao que se presentaron un total de 39 candidaturas.
A proposta liderada polos dous investigadores do Grupo de Proxectos e Planificación (Proepla) da USC e integrantes da Rede Igsea e na que tamén están implicados os principais lobbies e centros de investigación europeos no ámbito do lúpulo e da cervexa, pretende acometer un estudo e análise integral de todos os parámetros que inciden no cultivo do lúpulo e que tamén afectan ás características organolépticas da cervexa, como produto resultante. As distintas accións contempladas no marco do proxecto de I+D+i ‘Wethop’, tal e como se denomina a candidatura presentada pola USC xunto cos demais partners europeos á última convocatoria de achegas SFS, incluída na estratexia H2020, desenvolveríanse entre 2016 e 2020, e inclúen accións moi diversas que abranguen desde a monitorización de cultivos de lúpulo, análises das características organolépticas... ata a modelización dos impactos de diferentes prácticas de rega e abonado, tanto na produción como na calidade do produto final derivado do lúpulo. Esta última liña de traballo sería a que desenvolverían os investigadores do Grupo Proepla da USC, cuxas actuación abranguerían desde estas análises de campo ata a elaboración final da cervexa e a posterior celebracións de catas orientadas a coñecer a valoración dos consumidores. Á espera de coñecer a resolución desta convocatoria europea de proxectos de I+Di, cuxos resultados se agarda sexan públicos para outono, estes investigadores do Campus Terra da USC confían en que a proposta de investigación que lideran en e coordinan xunto cos demais partners implicados resulte seleccionada para o seu financiamento con cargo este programa europeo. A contía das achegas podería superar os seis millóns de euros. O proxecto ‘Wethop’, cuxo resultado sería o desenvolvemento dunha ferramenta informática acaída para optimizar o cultivo, a produción e a calidade do lúpulo, acadou a segunda maior puntuación das 39 candidaturas presentadas na primeira fase de valoración de propostas, un proceso que solo superaron catro dos proxectos presentados indicaron Cancela e González. Estes dous investigadores da USC, que esta semana están a visitar os distintos partners europeos implicados no proxecto en aras a mellorar a súa presentación na última fase de concurso, confían en que o proxecto liderado pola USC figure finalmente entre as dúas propostas financiadas con cargo a esta convocatoria europea.