Presentan un estudo coordinado pola USC sobre as relacións comerciais entre a Unión Europea e América Latina
Investigadores da USC e mexicanos presentaron este martes na Facultade de Ciencias Económicas un estudo sobre as relacións comerciais e produtivas entre a UE e América Latina e cuxos resultados serán agora trasladados pola Fundación EU-LAC aos máximos representantes políticos e económicos dos seus 62 países membros así como ás institucións europeas para que sexan tidos en conta no deseño de políticas e estratexias de cooperación internacional.
O estudo enmárcase nunha convocatoria competitiva internacional da Fundación que ten como obxectivo identificar novos temas relevantes para as relacións entre os países da Unión Europea e de América Latina así como propoñer formas de cooperación. EU-LAC só aproba un único proxecto por convocatoria, á que se presentan propostas procedentes dos 62 países membro.
O acto de presentación do libro Avances en el Patrón de Comercio Intra-industrial entre la Unión Europea y América Latina: los casos de Brasil y México estivo presidido polo reitor Juan Viaño e nel participaron o profesor da USC e director do estudo, Óscar Rodil; a decana da Facultade, Emilia Vázquez; a coordinadora do programa Explora da Fundación EU-LAC, Anna Barrera; e o profesor da UNACH (México) e coautor do libro, Jorge A. López Arévalo. Xunto a eles, participaron tamén no estudo Carmela Sánchez, da USC, e Emmanuel Arrazola, da Universidade del Mar.
Para o profesor Rodil a publicación, que inclúe un exame detallado das relacións de Brasil e México cos seus principais socios europeos, reviste “sen dúbida un gran calado”, se cabe aínda máis nun contexto internacional no que as relacións comerciais e económicas entre países constitúen “un eixo fundamental das súas estratexias de crecemento e desenvolvemento”. O estudo revela o “ importante” papel que está a xogar nas relacións comerciais entre a Unión Europea e América Latina a conformación das cadeas transnacionais de produción, “que definen un patrón de intercambio con crecente predominio dos produtos intermedios”, explica o investigador.
Ademais, do estudado obsérvase unha correspondencia entre o investimento estranxeiro directo e o comercio intra-industrial, “o que resulta coherente coa idea de que as empresas multinacionais inflúen positivamente na creación de comercio intra-industrial”, explican os autores.
O libro é editado pola Fundación EU-LAC tanto en formato dixital como en papel en español e inglés.