Pasar al contenido principal

80 anos despois revisan a memoria e a historia do golpe, a guerra e a ditadura

De esquerda a dereita, Dolores Vilavedra, Antonio Míguez e Lourenzo Fernández (Foto: SERVIMAV-USC)
De esquerda a dereita, Dolores Vilavedra, Antonio Míguez e Lourenzo Fernández (Foto: SERVIMAV-USC)
O encontro ‘1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ desenvolverase a vindeira semana en Santiago

Xusto 80 anos despois do golpe de estado do 36 e do comezo da Guerra Civil Española, o grupo de investigación Histagra organiza un congreso internacional que reunirá entre o 18 e o 20 de xullo na Facultade de Xeografía e Historia da USC algúns dos mellores especialistas internacionais.

O encontro ‘ 1936, ¿un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ xorde da “necesidade de sentar as bases para unha reconceptualización da memoria e da historia sobre o golpe, a guerra e a ditadura”. Deste xeito “valorarase e analizarase unha nova codificación que xa leva un tempo a desenvolverse e confrontarase cuns relatos herdados que continúan a persistir, malia que con evidentes síntomas de esgotamentos”. Así explican o obxecto do encontro os seus organizadores, os profesores Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho e Dolores Vilavedra Fernández, que este xoves deron os detalles nunha rolda de prensa.

Como explican os investigadores, en cada sesión do congreso, concibido en sentido estrito como un espazo de debate, dialogarase arredor das visións e interpretacións que “a sociedade española actual manexa dun pasado incómodo e a dimensión ética do seu coñecemento” pero tamén para debater sobre “a necesidade dun novo relato sobre ese pasado e máis sobre os elementos dispoñibles para construílo”. As sesións celebraranse na Facultade de Xeografía e Historia e no Teatro Principal de Santiago.

Dende un marco académico e cunha perspectiva científica, o congreso terá como obxectivo prioritario fomentar o debate e a posta en valor do coñecemento rigoroso sobre un pasado controvertido, cunha mirada interdisciplinar que inclúe a historia, a socioloxía, a literatura, a antropoloxía ou o dereito.

A diversidade de actividades ofertadas tamén pretende orientarse a diferentes tipos de públicos, alén do ámbito estritamente académico, para o que os organizadores propoñen un café literario na sede da Fundación Granell co escritor Suso de Toro e un mini-ciclo de conferencias no Teatro Principal coa presenza do xurista español Carlos Castresana, a socióloga arxentina Elizabeth Jelin e o historiador norteamericano da Universidade de Yale, Ben Kiernan.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.07.2016.