Pasar al contenido principal

O Observatorio Astronómico da USC confirma a entrada dunha pedra cósmica na atmosfera terrestre o pasado 17 de maio

A instantánea mostra o aspecto do obxecto observado o pasado 17 de maio arredor das 16.00 horas no sur de Galicia. Foto: Alberto Otero
A instantánea mostra o aspecto do obxecto observado o pasado 17 de maio arredor das 16.00 horas no sur de Galicia. Foto: Alberto Otero

Descartada a re-entrada na atmosfera dun foguete ou chatarra espacial, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC acaba de confirmar que o suceso do pasado 17 de maio no que se puido observar unha potente luz no ceo acompañado de detonacións “tratouse efectivamente dun bólido diúrno”. Como explican os investigadores José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, trátase da “entrada na atmosfera dunha pedra cósmica ou meteoroide que comezou a observarse sobre o norte de Portugal e de contado pasou a sobrevoar Galicia descendendo ata unha altura próxima aos 30 quilómetros na que o corpo se desfixo producindo fortes estoupidos”.

Nesta primeira fase da investigación, os investigadores do Observatorio Astronómico da USC puideron reconstruír a traxectoria do bólido a partir dos datos achegados por testemuñas que contactaron co Observatorio dende distintos puntos da xeografía galega como o sur de Vigo, Baixo Miño, sur de Ourense e mesmo das proximidades de Vilagarcía, Santiago de Compostela e Lugo. Os acontecementos producíronse o pasado 17 de maio cando arredor das 16.00 horas se puido observar o rápido desprazamento dunha potente luz no ceo despezado describindo un arco máis ben curto. O suceso veu acompañado de varias detonacións que, dependendo dos lugares de observación, tardaron distintos intervalos de tempo en escoitarse.

“Tanto a baixa altura na que se deixou de ver a luz como o ruído producido no final do percorrido” son definitorios da caída de meteoritos á terra, explican os investigadores da USC. Agora, o segundo obxectivo da investigación iniciada polo Observatorio Astronómico universitario será a determinación da zona onde estas pedras cósmicas puideron ter caído. Como sinala o profesor Docobo, tamén se tratará de precisar a natureza do corpo orixinal e a zona do Sistema Solar de onde podería proceder.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2016.