Pasar al contenido principal

As universidades de Santiago e da Coruña traballan no desenvolvemento conxunto do grao interuniversitario en Paisaxe

De esquerda a dereita, Beatriz Mato, Juan Viaño, Julio Abalde e Román Rodríguez (Foto: Xunta de Galciia)
De esquerda a dereita, Beatriz Mato, Juan Viaño, Julio Abalde e Román Rodríguez (Foto: Xunta de Galciia)

Os reitores das universidades de Santiago e da Coruña, Juan Viaño Rey e Julio Abalde Alonso, asinaron este luns 18 unha declaración de intencións para o deseño e implantación do grao en Paisaxe, primeiro de interuniversitario de Galicia logo da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Nun acto no Pazo de Mariñán, á sinatura protocolaria deste acordo asistiron tamén a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

Segundo o documento asinado, para a elaboración da memoria de verificación do futuro título constituirase unha comisión académica formada por dez membros das distintas áreas de coñecemento implicadas que proporán de xeito equitativo cada universidade. A comisión continuará cos traballos realizados dende o pasado mes de marzo polo grupo de traballo integrado por profesorado da Escola Politécnica Superior e a Facultade de Xeografía e Historia da USC e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

A execución desta declaración e os aspectos relacionados co desenvolvemento da xestión académica e administrativa do título será o cometido da comisión de seguimento do acordo. Constituírana os vicerreitores de cada universidade con competencias en materia de titulacións, dous representantes de cada universidade e un representante da Secretaria Xeral de Universidades.

O conselleiro de Educación destacou que a proposta avanza no novo mapa de titulacións únicas, singulares e adaptadas á evolución do tecido económico e social de Galicia e á especialización dos campus. Segundo a administración autonómica, este novo grao podería estar en disposición de incorporarse á oferta académica no curso 2018-2019.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2016.