Pasar al contenido principal

Santamarina apunta a renovación da acreditación europea en 2018 como gran obxectivo da Facultade de Veterinaria

O reitor Juan Viaño, no centro, co decano de Veterinaria e demais membros do equipo de goberno
O reitor Juan Viaño, no centro, co decano de Veterinaria e demais membros do equipo de goberno
O reitor Juan Viaño presidiu a toma de posesión como decano de Germán Santamarina. Patricia Fernández, Izaskun Ibarguren, Ana López e Rafaela Amaro completan o equipo

O profesor do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Germán Santamarina Pernas tomou este luns posesión do cargo como decano da Facultade de Veterinaria por segundo mandato consecutivo no marco dunha cerimonia presidida polo reitor da USC, Juan Viaño, en no que apuntou a superación da avaliación europea que realizará a EAEVE en 2018 como un dos grandes obxectivos, se non o principal, do novo equipo decanal.

Santamarina, que foi reelixido en maio para exercer outros catro anos como decano do centro universitario do campus lugués, estará acompañado neste segundo mandato decanal polas profesoras Patricia Fernández Trocóniz Revuelta, en calidade de vicedecana de Calidade e Relacións Exteriores; Izaskun Ibarguren Arizeta, como vicedecana de Organización Académica e Estudantes; Ana María López Beceiro, en calidade de vicedecana de Prácticas Externas e Infraestruturas, e Rafaela María Amaro González, quen asumirá a secretaría académica da facultade. O agradecemento público a todas as persoas que traballan e estudan na Facultade de Veterinaria da USC centrou o comezo da intervención do profesor Santamarina Pernas, quen lembrou de seguido algúns dos logros acadados polo seu equipo nos últimos catro anos, un período durante o que a Facultade de Veterinaria de Lugo apostou pola progresiva implicación das empresas en tarefas de apoio á docencia e á investigación, ao tempo de que se avanzou con harmonía na implantación do título de grao en Veterinaria, un proceso que se completará en setembro, dixo. A oferta dunha programación de prácticas tuteladas de calidade, a implantación e o desenvolvemento dun sistema de garantía interno de calidade, ademais da elaboración dun novo regulamento de réxime interno do centro adaptado aos estatutos da USC, foron outros dos logros sinalados por Santamarina na súa intervención, na que remarcou como dous grandes retos do centro a renovación da acreditación do título de grao en Veterinaria prevista para o próximo ano e a visita da comisión europea de valoración da EAEVE, programada para 2018. No que atinxe á visita da comisión da EAEVE, cómpre dicir que as esixencias que afrontaremos en 2018 serán maiores que as de fai 8 anos. A EAEVE vén de aprobar un novo procedemento para regular as avaliacións dos centros e para manter a acreditación europea non basta con seguir como estábamos, debemos ser mellores, dixo. A Facultade de Veterinaria evolucionou nestes anos e mantén uns bos estándares de calidade, pero precisamos revisar todos os indicadores para non deixar marxe á improvisación. Neste senso, recorremos a sensibilidade e o compromiso do equipo de Goberno da USC, demandou Santamarina. Coñecedor da importancia que supón acadar unha avaliación positiva por parte da EAEVE, o reitor da USC, comprometeu o total apoio do goberno da USC cara Facultade de Veterinaria e, nomeadamente, cara o Campus Terra da USC, un proxecto que pretende facer da sede universitaria luguesa un referente internacional de formación e I+D+i nos ámbitos da veterinaria e gandería, alimentación e produción alimentaria, así como do forestal e do medio natural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2016.