Pasar al contenido principal

María José López Couso tomou posesión como decana da Facultade de Filoloxía

A decana, en primeiro termo, nun momento do acto protocolario celebrado este martes. Foto: Servimav-USC
A decana, en primeiro termo, nun momento do acto protocolario celebrado este martes. Foto: Servimav-USC
Repite no posto logo da súa reelección o pasado mes de marzo

A Facultade de Filoloxía “apostou por un equipo de goberno capaz de asumir os novos retos, con talento e esforzo, tal e como se demostrou ata o de agora; pero tamén con ilusión e reivindicacións” . O reitor valorou deste xeito o traballo do novo equipo decanal da Facultade de Filoloxía para os vindeiros catro ano, coa profesora María José López Couso á cabeza, durante o acto protocolario de toma de posesión celebrado este martes en San Xerome.

Á profesora de Filoloxía Inglesa da USC acompañarana Javier Gutiérrez Carou (Filoloxía Italiana), Elisa Fernández Rei (Filoloxía Galega) e María do Cebreiro Rábade Villar (Teoría da Literatura e Literatura Comparada) á fronte dos vicedecanatos e Víctor Longa Martínez (Lingüística Xeral) como secretario. A profesora López Couso renovou o seu cargo nunha Xunta de centro celebrada o pasado mes de marzo na que obtivo 126 votos a favor e 11 en branco.

Como retos para o novo mandato a decana sinalou o seguimento, viabilidade e acreditación dos 5 graos e 6 mestrados e mellorar as políticas de incorporación do estudantado que chega á Facultade por medio de distintos programas de mobilidade e de captación e que supón arredor dun 30% do total que recibe a USC.

A mellora de recursos de apoio á docencia e á investigación, a ampliación dos vínculos da Facultade coa súa contorna e facer máis visible á sociedade a actividade docente e investigadora e mesmo a de extensión cultural son outros dos propósitos que se marca o equipo de goberno de Filoloxía. Consciente das dificultades, María José López Couso apelou ao apoio e compromiso dos distintos colectivos do centro como a mellor maneira para conseguir que a facultade siga sendo dentro de referencia do seu ámbito no conxunto do Sistema Universitario Galego e “unha das mellores de toda España”.

Logo da intervención da decana, o reitor animou ao equipo de López Couso a liderar unha nova etapa de valorización das disciplinas das Humanidades. “Debemos apostar polo traballo ben feito en todas as áreas de coñecemento, pero agora cremos que debemos marcar unha estratexia clara no eido das humanidades e das ciencias sociais”, dixo Viaño. Como mostra destacou o Campus da Cidadanía, proxecto que “pretende encamiñarnos a unha situación onde as disciplinas que vostedes imparten teñan un maior recoñecemento social, tanto entre a mocidade que aspira a ser universitaria como no tecido empresarial que aspira a mellorar o seu rendemento”.

Juan Viaño lembrou como un informe recente da multinacional Everis conclúe que os egresados e egresadas da área de Humanidades da Universidade de Santiago son os preferidos polas empresas nos procesos de contratación de persoal. “Sen dúbida, esta facultade ten unha boa parte do mérito desta boa noticia, tanto polo seu número de estudantes, coma polos méritos que día a día acadan os profesores e profesoras que imparten docencia e fan investigación neste centro”.

López Couso
María José López Couso levou a cabo nos últimos anos tarefas docentes e de investigación nas universidades de Edimburgo, Friburgo, Glasgow, Helsinki, Jaén, Málaga, Manchester, Múnich, Murcia, Vigo e University College London (Survey of English Usage).

Forma parte do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization que dirixe a profesora Teresa Fanego e no que dirixiu varias teses de doutoramento e leva a cabo labores de compilación e desenvolvemento de corpus lingüísticos computarizados. A súa investigación está enmarcada nas áreas da variación e o cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular en procesos de gramaticalización, construcionalización e (inter)subxectivización en ámbitos como as estruturas parentéticas, os marcadores pragmáticos, as construcións existenciais e a complementación clausal.

Ten publicado un número destacado de artigos en revistas indexadas no JCR e é tamén autora de numerosos capítulos de libro en editoriais internacionais de recoñecido prestixio, así como co-editora dos seguintes volumes: English historical syntax and morphology (2002), Rethinking grammaticalization: New perspectives (2008), Theoretical and empirical issues in grammaticalization (2008), Information structure and syntactic change in the history of English (2012) e Corpus linguistics on the move: Exploring and understanding English through corpora (2016).

Ademais de formar parte dende o ano 2009 do Comité Executivo de ICAME (International Computer Archive of Modern and Medieval English), ocupou cargos de responsabilidade noutras asociacións, como as Españolas de Estudios Anglo-Norteamericanos, de Lingüística Aplicada ou a de Lingüística de Corpus.

O reitor xunto co novo equipo decanal, acompañados de integrantes do consello de dirección da USC. Foto. Servimav_USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2016.