Fondo pesar na Universidade de Santiago polo falecemento de Fernando Acuña Castroviejo
A Universidade de Santiago de Compostela quere manifestar o seu fondo pesar polo falecemento este martes do que fora catedrático de Arqueoloxía Fernando Acuña Castroviejo, xubilado nesta institución dende 2015.
As persoas que desexen mostrarlle as súas condolencias á familia e amizades poden achegarse ao Tanatorio do CHUS ou asistir este mércores 14 ás 12.00 horas ao funeral e enterro na Igrexa de Trobe (Vedra).
Fernando Acuña estudou Filosofía e Letras, sección de Historia, na Universidade de Santiago. Ao remate mostrou o seu interese pola arqueoloxía, e en especial pola romana, realizando as súas primeiras investigacións na sección de Prehistoria e Arqueoloxía no Instituto Padre Sarmiento.
A súa vinculación docente coa USC comezou en 1968 como profesor interino da área de arqueoloxía da Facultade de Filosofía e Letras. Xa coa creación da propia facultade de Historia, e doutorado coa tese ‘Galicia romana: artes plásticas’ que lle dirixira Alberto Balil, pasa a ser docente desa facultade, acadando a cátedra de Arqueoloxía en 1987.
Académico correspondente da Real Academia Galega, era tamén membro da Real Academia Galega de Belas Artes e de numerosas sociedades científicas.