Homenaxean o profesor Lois Ferradás con motivo da súa xubilación
O profesor de Ciencias da Educación da USC Lois Ferradás recibirá este venres 16 unha homenaxe por parte dos seus compañeiros. O acto, que presidirá o reitor Juan Viaño, dará comezo ás 10.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
As intervencións inauguraraas Andrés Torres Queiruga, que falará da etapa máis nova do homenaxeado, para continuar con Paco Veiga, mestre e compañeiro en Preescolar na Casa que contará a súa etapa inicial como mestre rural. Seguiralles Pilar Candocia, responsable da posta en marcha da rede de escolas infantís Galescolas, e rematará Felipe Trillo Alonso para falar de Lois Ferradás como profesor universitario. No acto intervirá ademais o grupo de música antiga ‘Resonet’, integrado por Fernando Reyes e Mercedes Hernández.
Lois Ferradás Lois Ferradás Blanco é profesor na área de Didáctica e Organización Escolar, centrando a súa docencia de xeito especial na formación de mestres de Educación Infantil. Foi director da Escola de Maxisterio e decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
Polo que respecta á súa produción científica, o seu traballo oriéntase cara á calidade da educación infantil, a participación das familias e a documentación e avaliación.