Xornada de benvida ao Campus Terra da USC
Centos de universitarios chegados este curso ao Campus Terra da USC participaron este xoves na xornada de acollida organizada no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, e a través da que responsables e persoal dos distintos servizos, programas e actividades lúdicas, culturais e de lecer que desenvolve a USC na sede universitaria luguesa se presentaron ao novo alumnado a súa oferta nos distintos stands instalados.
Área de Cultura, Área de Orientación Laboral, Biblioteca Intercentros, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), Centro de Linguas Modernas, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Relacións Externas, Servizo de Deportes, Servizo de Normalización Lingüística e Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), foron os verdadeiros protagonistas desta xornada, na que tamén houbo tempo para gozar dun diverso programa de actividades culturais, entre as que non faltaron a música e o baile, ademais do teatro ou proxeccións audiovisuais. O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a vicerreitora de Servizos, Carme Silva, participaron no acto institucional da xornada, no que tamén interviñeron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos. Ao seu remate, o grupo musical De Vacas pechou a xornada cun concerto.
A xornada 'Benvidos ao Campus Terra' enmárcase dentro do plan de acción do proxecto 'Campus Terra', financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que aspira a fomentar a especialización da sede universitaria luguesa arredor do concepto Terra, entendido este dende unha perspectiva interdisciplinar, isto é, económica, medioambiental, social e cultural.
Os vicerreitores Javier Bueno e Carme Silva, coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos