Un obradoiro impulsa o desenvolvemento profesional e persoal a través da mellora das competencias emocionais
Alumni (Asociación de Antigos Alumnos e Amigos) e o Instituto de Ciencias da Educación da USC celebrarán o vindeiro 1 de outubro o primeiro encontro de intelixencia emocional Enmente, unha iniciativa formativa aberta á participación de todas as persoas que queiran mellorar as súas competencias emocionais. O programa Enmente prolongarase durante unha xornada de oito horas e está estruturado en oito obradoiros dinámicos e de participación, a través dos que se pretende axudar a maximizar o potencial das persoas asistentes, e en particular as persoas do ámbito universitario, en base a unha metodoloxía eminentemente práctica.
O equipo docente de Enmente fórmano oito relatoras/es procedentes de diferentes ámbitos profesionais e especialidades. Trátase de profesionais de recoñecido prestixio en Galicia e tamén a nivel nacional, profesorado que provén do entorno universitario e tamén formadores procedentes da empresa privada. Todos os relatores/as convidados a participar neste encontro destacan en eidos relacionados coa educación, os recursos humanos, a innovación e talento, coaching, psicoloxía, intelixencia emocional ou PNL –Programación Neurolinguística, entre outros.
As distintas actividades formativas programadas permitirán ao público traballar estratexias e ferramentas para a xestión emocional a través de diferentes obradoiros. A temática destas sesións, de carácter dinámico e interactivo, é ampla é diversa. Así, Jon Berastegui impartirá un obradoiro de xestión do estres e ansiedade, mentres que Alejandra Mosteiro guiará outro sobre xestión de conflitos para traballar a asertividade. A mellora da comunicación verbal e non verbal centrará a acción dirixida por Aixa Permuy e María José Méndez Lois, mentres que Carmen Vázquez de Prada afondará en cuestións relativas á escoita activa e empatía, e Manuel Rivero abordará algunhas estratexias para a toma de decisións.
No marco do programa Enmente, tamén se traballarán técnicas para favorecer o benestar nun obradoiro que correrá a cargo de Silvia Escribano, e para traballar a motivación e autoestima (Marcela Parga) ou a tolerancia á frustración para saír reforzado de situacións difíciles (Raquel Pedrouso).
Desenvolvemento do programa e inscrición
Os oito obradoiros incluídos neste primeiro Encontro de Intelixencia Emocional desenvolveranse o día 1 de outubro, en quenda de mañá e tarde (de 9.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas) na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago.
A inscrición nesta xornada está aberta e ten un custe de 25 euros. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden reservar praza, formalizar a inscrición e ampliar información na web www.antigosalumnos.usc.es, así como a través do número de teléfono 605 853 565 ou no enderezo de correo electrónico enmenteusc [at] gmail.com (enmenteusc[at]gmail[dot]com).