Pasar al contenido principal

O Foro de reflexión e debate ‘Ler o mundo hoxe...’ reflexionará sobre o diálogo entre universidade e sociedade

A primeira cita deste Foro será este mércores cun debate sobre os deberes escolares e a lectura como estratexia educativa

O grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA_Interea) organiza unha nova edición do Foro de reflexión e debate ‘Ler o mundo hoxe...’ que no curso académico 2016-2017 terá como principal referente o dialogo entre a universidade e a sociedade en relación a cuestións como educación, xénero, perspectiva cidadá ou medio ambiente. SEPA_Interea está recoñecido como grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego e está coordinado polo profesor José Antonio Caride.

Esta é unha iniciativa promovida en colaboración e co financiamento do Consello Social da USC, a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento (RINEF-CISOC), así como polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Foro ten como principal obxectivo “promover e desenvolver unha proposta formativa que –tendo a lectura como eixo central– posibilite miradas e interpretacións plurais sobre as realidades socioambientais no local-global, que fortalezan o compromiso cívico e democrático da comunidade universitaria e dos seus vínculos coa sociedade que a contorna”.

Mércores 21
Este mércores 21 celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) a primeira cita do Foro, co lema ‘En clave de tempos educativos e sociais’, cun diálogo a partir das 16.30 horas co lema ‘Repensando os deberes escolares’. Intervirán o catedrático da USC Miguel Zabalza; o vicepresidente de ANPAs Galegas, Fernando Lacaci; e o director do CEIP Monte dos Postes de Santiago, Fernando Vieito. Deseguido, dende as 18.30 horas celebrarase unha charla-obradoiro sobre ‘Ler e aprender. A lectura como estratexia educativa’ coa presenza dos docentes da Universidade de Castela A Mancha Santiago Yubero e Elisa Larrañaga.

O Foro continuará o día 28 no Auditorio da Facultade de Filoloxía coa conferencia ‘A lectura como ocio e recreación’, do escritor Domingo Villar, e unha sesión de poesía musicada que interpretarán Uxía Senlle e Sérgio Tannus. Xa o día 5 de outubro o foro recalará no Centro Sociocultural de Santa Marta. Todas as actividades son abertas a gratuítas ata completar o aforo, agás a charla obradoiro deste mércores que ten un límite de 50 prazas polo que se respectará a orde de inscrición.

Ao longo do mes de outubro as actividades de ‘Ler o mundo hoxe...’ desenvolveranse en clave de equidade de xénero (días 19 e 26 de outubro), mentres que en novembro será dende a perspectiva da cidadanía e participación (días, 3, 9 e 16) e en decembro en clave de sustentabilidade ambiental: (días 1 e 14).

O foro
A proposta integra catro lecturas do mundo dende unha perspectiva multidisciplinar e tres actividades transversais. As lecturas converxen con catro das liñas de investigación do grupo: os tempos educativos e sociais, a equidade de xénero, a construción da cidadanía nos procesos de participación social e a sustentabilidade ambiental. Pola súa banda, as actividades transversais concrétanse nun concurso de microrrelatos, un concurso de ideas para fomentar o hábito lector na Universidade, así como na celebración do Día Internacional da Lectura Universitaria que celebra a Rede Internacional de Universidades Lectoras (RIUL), da que a USC forma parte, e que coincide co 29 de abril de 2017.

Na web do grupo http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/sepa_interea/ e no facebook https://es-la.facebook.com/sepa.interea/ pódese consultar o programa desta iniciativa, a desenvolver entre os meses de setembro de 2016 e maio de 2017, en diferentes espazos e equipamentos de Compostela, Lugo e Rianxo para compartir coloquios, diálogos, música, teatro e literatura nas súas diferentes modalidades (narrativa, poesía, ensaio, ...). O equipo de coordinación deste Foro está integrado polos profesores da USC José Antonio Caride, Belén Caballo, Rita Gradaílle, Pablo Meira e Laura Varela, aos que se engade o profesor Héctor Pose, da Universidade da Coruña, membro da Comisión Directiva da RIUL en representación das Universidades galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2016.