Pasar al contenido principal

Máis de 3.500 estudantes de secundaria visitan esta semana o campus compostelán

Os encontros desenvolveranse ata o xoves. Foto. Servimav-USC
Os encontros desenvolveranse ata o xoves. Foto. Servimav-USC
Entre este martes e o xoves farán itinerarios polos Campus Norte e Sur

Máis de 3.500 estudantes de secundaria de toda Galicia visitarán este semana as instalacións da USC no campus compostelán dentro dos ‘Encontros na USC’ procedentes de 70 centros da comunidade. Esta é unha iniciativa que forma parte do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ coa que se pretende achegar o alumnado de secundaria aos distintos estudos de grao que se ofertan no Campus compostelá.

Nas visitas mostraranse as instalacións coas que o futuro alumnado universitario se atopará no seu paso á Universidade co obxecto de facilitar a elección de futuros estudos. O percorrido das visitas inclúe aulas, laboratorios, bibliotecas e outras instalacións xerais. Ademais do profesorado responsable dos centros participan titores e titoras do alumnado de primeiro curso, que serán as persoas encargadas de dirixilos na visita comentando as súas vivencias na Universidade de Santiago.

Os encontros da USC celebraranse entre este martes 12 e o xoves 14 con dous posibles percorridos, para o Campus Norte e para o Sur, en ambos casos a partir das 10.30 horas. No primeiro caso, o percorrido inclúe visitas ás facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Traballo Social e Ciencias da Educación, Enfermaría, Medicina e Odontoloxía, Xeografía e Historia e Filosofía. O outro grupo coñecerá os graos de Dereito, Relacións Laborais, Ciencias Políticas e Sociais, Química, Enxeñaría Química, Bioloxía, Farmacia, Enxeñaría Informática, Matemáticas, Física, Química, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Ciencias da Educación.

Participarán máis de 3.500 estudantes de Secundaria de toda Galicia. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2019.