Pasar al contenido principal

Educación e a USC reforzarán a excelencia internacional da área de matemáticas

No encontro co conselleiro, o reitor estivo acompañado da decana da Facultade así como dunha representación do profesorado do centro. Foto: Xunta
No encontro co conselleiro, o reitor estivo acompañado da decana da Facultade así como dunha representación do profesorado do centro. Foto: Xunta
A área de Matemáticas da USC destaca polo seu traballo estratéxico, xa que por terceiro ano consecutivo se sitúa entre as 100 mellores do mundo

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para potenciar e reforzar a excelencia científica internacional da área de Matemáticas da USC.

Este protocolo, que será desenvolvido máis pormenorizadamente nun convenio específico, parte da base da asentada excelencia da área de Matemáticas de Santiago que, por terceiro ano consecutivo, se sitúa entre as 100 mellores do mundo, sendo a única área de coñecemento do sistema que chega a este rango.

Máis fontes de recursos e promoción do talento
O futuro convenio establecerá a necesidade da sustentabilidade da produción científica e dunha oferta de calidade para a formación de investigadores, procurando ampliar e diversificar as fontes de xeración de recursos, tanto de fondos competitivos, especialmente os europeos, como os que poidan proceder da relación con empresas e outros grupos de interese. Ademais, preténdese potenciar a súa oferta docente de grao, máster e doutoramento, especializada e profesionalizante, e as súas actividades singulares na detección e estimulación do talento matemático.

A maiores, tamén se busca afondar nas relacións co tecido empresarial, sobre todo tendo en conta a necesidade actual de algúns sectores á hora de manexar grandes volumes de información e de acelerar a toma de decisións.

Na reunión estiveron presentes, ademais do conselleiro e do reitor, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e Peregrina Quintela, directora do ITMATI, que ademais vén de gañar o premio María Josefa Wonenburger, ademais de profesores e investigadores da facultade de Matemáticas.

O conselleiro e o reitor asinaron este venres o protocolo. Foto: Xunta

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2016.