Pasar al contenido principal

O Campus Terra da USC propón un novo método de obtención de información para elaborar os plans estratéxicos das organizacións

Alexia Calvo González, na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC
Alexia Calvo González, na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC
O procedemento recollido na tese de Alexia Calvo, dirixida por Manuel Marey, Alberto Meixide e Melchor Fernández, está validado no Plan de Política Industrial de Galicia

A investigación desenvolvida na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC pola enxeñeira de Montes berciana Alexia Calvo González e recollida na tese de doutoramento ‘Lugnasa, nova proposta metodolóxica para a planificación estratéxica: Validación no plan industrial de Galicia’, propón unha nova forma de obter información de expertos para artellar os obxectivos que debe acadar os plans estratéxicos das organizacións.

O novo procedemento de traballo proposto por esta doutoranda do Grupo de Investigación de Proxectos e Planificación (PROePLA) e do IDEGA da USC na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Manuel Francisco Marey Pérez, Alberto Meixide Vecino e Melchor Fernández Fernández, toma a denominación Lugnasa en referencia á festa celta de recollida das colleitas e utiliza a combinación das técnicas Delphi e Grounded Theory para, de xeito limitado no cronograma e no orzamento, os equipos redactores de plans poidan acceder a coñecemento experto ao mesmo tempo que o organismo que contrata o plan ten control sobre a calidade das achegas feitas. Esta metodoloxía foi validada na elaboración do Plan de Política Industrial de Galicia elaborado dentro do contexto Europa 2020 pola Xunta de Galicia, e os resultados obtidos permiten coñecer máis de preto a situación e as expectativas de futuro da industria galega. De feito, a posta en práctica desta nova forma de traballar permitiu “bucear” e dentro dos sectores que se pretenden planificar obtendo información de forma estruturada que resultou de gran valía para os redactores do plan. Tribunal de tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC Alexia Calvo González estivo presidido polo catedrático de Proxectos da Universidade de Oviedo, Francisco Ortega. O profesor de investigación do CSIC Uxío Labarta e o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Martín Barrasa Rioja, quen actuou como secretario, completan a relación de compoñentes do tribunal desta tese, cuxa autora acadou a máxima cualificación académica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2016.