Remata o ciclo ‘Soncello’ da Asociación de Violonchelistas de Galicia
A Asociación de Violonchelistas de Galicia ofrece este venres 30 o último concerto do ciclo ‘ Soncello’ que este mes tivo lugar en Santiago co propósito de contribuír á difusión da actividade da asociación.
Ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) os profesores Carolina Landriscini e Thomas Piel, acompañados de Javier Vila ao piano, ofrecerán un recital dedicado ao século XX no que interpretarán obras de Stravinski, Mainardi, Piatti e Menotti. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo.
Carolina Landriscini
Profesora de violonchelo no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, Carolina Landriscini imparte regularmente clases maxistrais na ESMAE de Oporto (Portugal), a Academia de Música de Cracovia (Polonia) e a Universidade de Ostrava (República Checa). Nada en Bos Aires, recibe a súa formación en Francia cos profesores Jacques Doué e Xavier Gagnepain para logo perfeccionarse con Janos Starker na Universidade de Indiana (EEUU). Recentemente obtivo o grao de doutora pola Universidade de A Coruña coa tese ‘Aportaciones de David Popper en la enseñanza del violonchelo’ e é ademais titulada Superior de Violonchelo e Música de Cámara. Preside a Asociación de Violonchelistas de Galicia e lidera o conxunto de violonchelos Soncello Ensemble.
Thomas Piel
Nace en Colonia, Alemaña, e comeza seus estudos musicais no conservatorio da súa cidade continuándoos na Folkwang-Musikhochschule de Essen con Christoph Richter. Durante os seus estudos colaborou coa Junge Deutsche Philharmonie e o Ensemble Resonanz, onde traballou con músicos como Lothar Zagrosek, Rudolph Barchai, Thomas Zehetmair, Tabea Zimmermann, David Geringas, Rainer Schmidt, David Shallon e Tatjana Grindenko. Desde 2001 é membro da Real Filharmonía de Galicia e profesor de violonchelo na Escola de música Berenguela en Compostela.
Javier Vila
Inicia os seus estudos musicais aos seis anos da man do seu pai, o compositor Eligio Vila, e continúa na Escola de Música de Vilagarcía de Arousa coa pianista Vladimira Smausová. Con dez anos chega a finalista do Concurso Internacional de Piano Carl Czerny e en 1999 e 2001 gaña o Concurso de Piano RCN de Vigo nas categorías infantil e xuvenil, respectivamente.
Finaliza a carreira de piano cos profesores José Manuel Fernández e Severino Ortiz no Conservatorio Superior de Música de Vigo. En 2004 é galardoado co Premio Asociación Galega de Compositores no I Concurso de Piano ASGAIM na Coruña, e en 2006 gana a III edición do Concurso de Piano Asociación Galega de Intérpretes de Música Clásica. na actualidade é profesor de piano e coordinador do departamento de tecla no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.