Pasar al contenido principal

Filoloxía acolle o cuarto Encontro Internacional sobre Análise do Discurso

O cuarto Encontro Internacional sobre Análise do Discurso (International Workshop on Discourse Analysis – IwoDA) celebrarase na Facultade de Filoloxía este xoves 29 e o venres 30 como unha unha das xuntanzas de referencia internacional da súa disciplina. A edición compostelá de IWoDA organízaa o equipo de investigación en Lingüística Scimitar do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC que lidera a catedrática Mª de los Ángeles Gómez González e que tamén integra o grupo de investigación Discurso e Identidade que coordina Laura Lojo Rodríguez.

Entre os días 29 e 30 presentaranse unha serie de traballos que analizan o discurso en lingua inglesa –e/ou en contraste con outras linguas- dende perspectivas diversas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva, psicolingüística, psicolóxica, sociolóxica ou semiótica, entre outras). Tamén haberá espazo á exhibición de técnicas, metodoloxías e ferramentas que permitan darlle un uso práctico a estas investigacións, co fin de contribuir á innovación investigadora e docente fomentando a transversalidade do coñecemento e a súa transferencia e difusión á sociedade.

En Compostela reuniranse un nutrido número de especialistas procedentes de universidades españolas e estranxeiras. Conforman o comité científico máis e corenta expertos en lingüística, filoloxía, psicoloxía e socioloxía entre os que destacan Ian Parker, Michael Bamberg, Ruth Wodack, Alexandra Georgakopoulou, Gunther Kress, Michael Toolan, Angela Downing, Jan Renkema ou David Kaufer. Ademais, intervirán como conferenciantes convidados Douglas Biber (Northern Arizona University), Hans Boas (University of Texas at Austin) e Maite Taboada (Simon Fraser University), ademais de investigadores consagrados e noveis procedentes de máis de trinta universidades de todo o mundo.

No que atangue ao programa, o medio centenar de estudos seleccionados presentáronse en catro paneis temáticos a fin de dar resposta a outros tantos interrogantes: cáles son as estratexias utilizadas na construción de distintos tipos de discurso; qué características determinan a variación de rexistros lingüísticos en distintos ámbitos; cómo se usan os marcadores discursivos; e cómo se expresan a opinión e a emoción a través da linguaxe. Ademais o profesor Douglas Biber impartirá un seminario práctico para demostrar as vantaxes da aplicación da denominada ‘análise multidimensional’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.09.2016.