Pasar al contenido principal

O Curso de Primavera da USC aborda de xeito multidisciplinar na Facultade de Humanidades o feito de ‘Andar, camiñar, marchar..’

O Curso de Primavera da USC aborda de xeito multidisciplinar  na Facultade de Humanidades o feito de ‘Andar, camiñar, marchar..’
O Curso de Primavera da USC aborda de xeito multidisciplinar na Facultade de Humanidades o feito de ‘Andar, camiñar, marchar..’
O programa, coordinado Isabel González e dirixido por Felipe Arias e Max Jean Zins, comeza este mércores, ás 10.00 horas, no centro universitario lugués

O XV Curso de Primavera ‘Andar, camiñar, marchar…’, un programa dirixido polos profesores ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias e Max Jean Zins e coordinado pola decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, aborda, desde hoxe e ata o venres no campus de Lugo da USC, de xeito transversal e multidisciplinar o feito de andar e camiñar, de poñerse en movemento tanto as persoas coma os animais, e tanto en grupo como individualmente.

A temática escollida para esta edición do curso será analizada desde moi diversos puntos de vista: físico, sociolóxico, histórico, antropolóxico, relixioso, lúdico e mesmo imaxinario, sen que isto esgote os aspectos a debater. O propósito principal é que esta actividade de formación e divulgación sexa unha iniciativa útil para toda a comunidade universitaria e para a sociedade lucense e galega en xeral, por medio dos relatorios, mesas redondas e actividades complementarias que a integran.

O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Cultura, Jesús Varela Zapata, inaugurará este mércores, ás 10.00 horas, este foro, no marco dun acto no que tamén intervirán os directores do curso, así como a decana da Facultade de Humanidades e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.

Unha mesa de debate sobre peregrinacións de Asia e Europa e o Camiño de Santiago, centrará a temática da primeira sesión deste foro, que terá continuidade nunha sesión na que diversos relatores achegarán outras visións do andar humano e animal.

A realidade e o imaxinario de comitivas, desfiles, marchas, carreiras... será o tema de análise durante a segunda xornada deste curso, durante a que tamén se afondará sobre a realidade da muralla de Lugo como escenario de andainas. As grandes migracións humanas ao longo da historia ocupan o programa matinal da última xornada do XV Curso de Primavera da USC ‘Andar, camiñar, marchar...’.

A proxección de entrega de premios do I Certame de Videocreación do campus de Lugo, unha iniciativa convocada ao abeiro deste curso e arredor da mesma temática á que concorren preto dunha decena de candidaturas, unha andaina por un treito urbano do Camiño Primitivo e a proxección do filme ‘Sur le chemin de l’ école’ completan a programa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.04.2019.