Pasar al contenido principal

Un estudo multidisciplinar desenvolve un novo método para valorar a artrite na articulación da mandíbula

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Antonio Mera, Flor Otero e Pablo G. Tahoces
De esquerda a dereita, Jorge Mira, Antonio Mera, Flor Otero e Pablo G. Tahoces
Coa súa aplicación na nenez, permitiría previr malformacións faciais ou outros problemas graves na idade adulta, tanto de dor como de capacidade de movemento da boca

En nenos con artrite, enfermidade inflamatoria autoinmune que afecta ás articulacións, o estudo temperá da mandíbula podería previr malformacións faciais ou outros problemas graves na idade adulta, tanto de dor como de capacidade de movemento da boca. Nun dos primeiros estudos feitos en España sobre este tema, a doutora María Florinda Otero González acaba de defender con sobresaliente cum laude a súa tese de doutoramento con mención internacional titulada ‘Contributions to the imaging study of the affection of the temporomandibular joint in juvenile idiopathic arthritis’.

A doutora Otero González aclara que “normalmente, na práctica clínica en España non se lle presta atención a esta articulación en nenos con artrite, xa que non adoitan sentir dor e tampouco presentan sintomatoloxía acusada”. O risco, alerta, prodúcese cando o problema nesta articulación non se descobre e trata “a tempo”, e cobra especial interese por atoparse os nenos/as en pleno proceso formativo e de crecemento.

Baixo a dirección do catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira Pérez, do profesor de Electrónica e Computación, Pablo García Tahoces, e do xefe de sección do Servizo de Reumatoloxía do CHUS, Antonio José Mera Varela, este traballo de doutoramento achega técnicas que permitirán medir os cambios producidos pola enfermidade en si nesa articulación e “dese xeito, avaliar as potenciais melloras producidas por un determinado tratamento médico”.

Para lograr unha eficaz capacidade de valoración, a investigación desenvolve un novidoso tratamento de imaxe aplicada á zona da mandíbula que “por unha banda, permitiu describir o modo de crecemento desta articulación e, por outro, cuantificar o grao de afectación asociado á artrite, a través de medidas do volume da articulación”. O traballo de María Florinda Otero conseguiu procesar a imaxe obtida cun simple escáner de raios-X dos presentes nas clínicas odontolóxicas “facéndoa competitiva con outras técnicas máis complexas e custosas para a análise desta articulación en particular”.

Vantaxes
O novo método achega tres vantaxes esenciais: escasa radiación para o paciente, sen necesidade de inxectar axentes de contraste e rapidez na toma dos datos. Así, ao mesmo tempo, conséguese evitar a exposición aos posibles tóxicos dos axentes de contraste e rapidez, aspecto de especial importancia ao tratar con nenos/as xa que para o rexistro con determinadas técnicas, por exemplo de resonancia, en ocasións é necesario empregar sedación cos seus conseguintes inconvenientes.

Como explicou no acto de defensa e mantemento María Florinda Otero, “en contraste con protocolos aplicados en países nórdicos, en España non se está prestando atención á articulación temporomandibular dos enfermos menores de idade con artrite, co risco que isto supón de malformación facial e outros problemas que poden padecer logo na idade adulta se non se tratan a tempo”. Neste senso, a tese engade unha proposta de atención a estes pacientes, dentro do sistema sanitario español, baseado nun protocolo europeo específico para estes casos.

Para o desenvolvemento desta tese analizáronse as articulacións temporomandibulares de rapaces menores de 16 anos afectados por artrite. Nesa articulación que une a mandíbula co cranio, a doutora Otero conseguiu cuantificar o grao de artrite, o que “permitirá descubrir o dano nela o antes posible e previr así futuras lesións”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.12.2016.