Pasar al contenido principal

Presentan na USC a guía micolóxica da Illa de Cortegada

Presentan na USC a guía micolóxica da Illa de Cortegada
Presentan na USC a guía micolóxica da Illa de Cortegada
Froito dun traballo de 13 anos, destaca por ser a publicada en Galicia co maior número de especies de setas

O investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Saúl de la Peña presentou o venres na Facultade de Bioloxía a Guía Micológica de la Isla de Cortegada, froito do traballo dun grupo de seis persoas cuxa intención principal é dar a coñecer esta illa única en Europa polos seus valores micolóxicos. A guía destaca por ser a publicada en Galicia co maior número de especies de setas e por supor un traballo cun dos seguimentos (13 anos) máis longos e que aínda segue en curso.

Na Illa de Cortegada –o lugar de Europa estudado ata a data con máis especies por superficie– atopáronse ata hoxe máis de 800 especies, das que 620 se recollen na guía en fotografías. Ademais, nestes anos os investigadores descubriron tres novas “aínda que se pensa que haberá unas 30”, explicou De la Peña. Nese espazo aparecen tamén catro especies da Lista Vermella Europea e 9 da Lista Vermella Preliminar de Fungos Ameazados na Península Ibérica.

Na presentación púxose de manifesto tamén a problemática actual da xestión do parque, que a maiores do cambio climático ten que enfrontarse á desaparición das cabras e a sobrecarga de xabarís, un dos principais inimigos dos fungos.

Acompañaron no acto a Saúl de la Peña o director do Padroado do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e o presidente da Federación Galega de Micoloxía e á súa vez da asociación A Cantarela, unha das de maior antigüidade e prestixio de Galicia.

As persoas interesadas en mercar o libro deben poñerse en contacto co seu autor a través do correo saul.delapena [at] gmail.com (saul[dot]delapena[at]gmail[dot]com).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2016.