Pasar al contenido principal

Javier García Verdugo ofrece este luns un concerto de guitarra clásica na Casa do Saber no ciclo ‘Música a carón da Mosqueira’

Javier García Verdugo
Javier García Verdugo
A actuación, de entrada libre e de balde, comezará ás 20.00 horas

Javier García Verdugo ofrece o luns 8 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, un concerto de guitarra clásica no marco do ciclo de música de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento de USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

O repertorio do concerto de García Verdugo estará estruturado en varias fases e comezará cunha canción a lembraza, de autoría propia. De seguido, García Verdugo interpretará composicións de Agustín Barrios, Joaquín Malats, Francisco Tárrega, Joaquín Rodigo, Johann Sebastian Bach e Isaac Albéniz.

Despois de gañar máis dunha decena de premios en certames nacionais e internacionais de guitarra, Javier é presentado como unha das figuras máis prometedoras do panorama guitarrístico actual. Destacan o premio de Juventudes Musicales de España (2015), o primeiro premio no Concurso Internacional de Guitarra Gredos de San Diego (2015) e o primeiro premio do Concurso Internacional de Guitarra da Habana (2018).

Javier recibiu clases de grandes mestres da guitarra entre os que destacan Leo Brouwer, David Russell, Hopkinson Smith, CarlesTrepat, Roberto Aussel, Eduardo Fernández, Zoran Dukic, Carlo Marchione, Roland Dyens ou José Miguel Moreno. En 2015 finaliza os estudos superiores de interpretación musical no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, xunto aos profesores Gerardo Arriaga e Tomás Campos, obtendo o Premio Extraordinario de Fin de Grao. No curso 2014-2015 trasládase a Weimar, Alemaña, para estudar na Hochschule für Musik Franz Liszt xunto a Ricardo Gallén. Actualmente realiza o Máster de Interpretación Musical na Universität Mozarteum de Salzburgo, Austria, na cátedra de Eliot Fisk. Igualmente, realizou cursos de música antiga, baixo continuo e tiorba, así como cursos de blues, jazz, flamenco e improvisación moderna.

O seu último traballo discográfico, Impresiones foi nomeado Disco Melómano de Oro pola revista de música clásica Melómano. En marzo de 2015 presentou o seu primeiro traballo discográfico, Desideratum, que se presentou por RNE, e recibiu unha boa acollida por parte da prensa especializada. En xaneiro de 2018 gravou o seu terceiro disco que proximamente verá a luz. Ademais, realizou numerosas gravacións para radio e televisión, entre as que destacan o programa Musical Cities de Telecinco, unha homenaxe ao guitarrista Paco de Lucía para Castilla-La Mancha TV e unha produción para RTVE en colaboración con Sony.

As súas actuacións abarcan gran parte da xeografía española e outros países, destacando o Teatro Nacional da Habana en Cuba, Zeneakademia Ferenc Liszt de Budapest en Hungría, Liszthaus Konzertsaal de Weimar en Alemaña e Mozarteum Solitarsaal de Salzburgo en Austria, entre outras. Como solista de orquestra actuou xunto a directores como Albert Gonzálvez Cardós, Antonio Navarro Borsi ou Mariano Domingo. Na vertente da música de cámara, Javier toca regularmente en grupos de cámara, entre os que destacan o dúo Primo Tempo xunto o clarinetista Carlos Orobón e o dúo coa soprano Natalia Labourdette.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2019.