Pasar al contenido principal

Unha tese da USC pon en marcha unha planta de tratamento integral dos xurros dunha industria de gando porcino en Chipre

Unha tese da USC pon en marcha unha planta de tratamento integral dos xurros dunha industria de gando porcino en Chipre
Unha tese da USC pon en marcha unha planta de tratamento integral dos xurros dunha industria de gando porcino en Chipre

A preocupación polas emisións gasosas e, máis concretamente, polos compostos orgánicos volátiles e os gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático é algo que ocupa cada vez máis a atención da nosa sociedade e da comunidade científica, que nos últimos anos dedica un número crecente de recursos para o estudo da redución desas emisións.

De xeito máis específico, o investigador do Departamento de Enxeñaría Química da USC Santiago Gómez Cuervo estuda na súa tese de doutoramento a eliminación dun importante gas de efecto invernadoiro como é o metano (cun potencial de quecemento 30 veces maior que o do dióxido de carbono). Este gas está presente en emisións difusas, que son aquelas que presentan concentracións inferiores ao 3% e que supoñen unha boa parte da emisión global á atmosfera deste composto, como así acontece en moitas das actividades humanas como as relacionadas coa agroindustria, a minería, vertedoiros ou estacións de gas de tratamento de augas residuais, entre outras.

A tese, que se levou a cabo nas instalacións da Escola Superior Técnica de Enxeñaría (ETSE) baixo a dirección do doutor Jerónimo Hernandez Sicilia e o profesor Francisco Omil Prieto (Depto. de Enxeñaría Química), aborda en primeiro lugar o desenvolvemento de tecnoloxías biolóxicas de baixo custo destinadas especificamente á eliminación do metano presente en emisións difusas así coma tamén de forma simultánea compostos orgánicos volátiles e cheiros.

Xa nunha segunda parte do traballo recolle a implementación destes resultados no deseño, construción e posta en marcha dunha planta de tratamento integral dos xurros xerados por unha industria de engorde de gando porcino localizada en Chipre, para o que contou co financiamento da Unión Europea a través do proxecto LIVEWASTE do programa LIFE.

Mediante un consorcio formado por catro universidades europeas –a USC, a de Verona (Italia), a Nacional Técnica de Atenas (Grecia) e Técnica de Chipre-, a empresa agroalimentaria local Animalia Genetics e unha axencia do Ministerio de Medio Ambiente de Chipre, deseñouse, construíuse e púxose en marcha unha planta para o tratamento integral de xurros de gando porcino cuxos obxectivos incluíron non só a eliminación da contaminación que supoñen eses vertidos, senón tamén a súa valorización a través da xeración dun biogás combustible, a produción dun efluente final de auga reutilizable e a produción de fertilizantes coma o compost e a estruvita, á vez que se minimizaron as emisións gasosas de metano, compostos orgánicos volátiles e cheiros mediante as tecnoloxías desenvolvidas nas instalacións da ETSE na USC.

O tribunal que cualificou a tese ‘Biofiltración de emisións difusas de metano: Desenvolvemento de tecnoloxía e integración sistemas de tratamento de xurros’ cun Sobresaliente Cum Laude estivo formado por Sara González, da USC; Francesco Fatone, da Universidade de Verona; e Christian Kennes, da Universidade da Coruña).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.12.2016.