Pasar al contenido principal

Almorzos Xustos e un obradoiro sobre soberanía alimentaria, próximas citas do proxecto USC Sostible

Os primeiros Almorzos Xustos celebráronse en Campus Vida a comezos de mes.
Os primeiros Almorzos Xustos celebráronse en Campus Vida a comezos de mes.

O programa formativo do proxecto ‘USC Sostible’, de fomento de modalidades de consumo e produción sustentable, celebrará este martes 13 unha nova sesión dos Almorzos Xustos, nesta ocasión en Lugo, e o obradoiro ‘Modelos de produción ao servizo das persoas: a soberanía alimentaria’, nos dous campus.

Os Almorzos Xustos chegarán a Lugo este martes, iniciativa na que as persoas interesadas poderán participar entre as 11.00 e as 13.00 horas na Biblioteca Intercentros. Cun café como nexo común, o obxectivo é propiciar unha reflexión entre a comunidade universitaria sobre qué significa un produto xusto así como fomentar o consumo responsable. En Compostela volverán celebrarase o xoves 15, na Praza de Mazarelos de 10.00 a 12.00 horas e diante da Facultade de Farmacia de 16.00 a 18.00 horas, e o venres 16 diante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de 10.30 a 12.30 horas.

Obradoiro
Co lema ‘Modelos de produción ao servizo das persoas: a soberanía alimentaria’ está prevista a celebración en Santiago e Lugo dun obradoiro cuxa finalidade é achegar de novo as persoas que están no principio e no final da cadea (produtoras e consumidoras). Ademais, como explican os seus promotores, busca “recuperar a capacidade de cada pobo de definir as súas políticas agrarias, do mar e alimentarias de acordo a obxectivos de desenvolvemento sostible e que respectan a cultura e o xeito de producir de cada pobo”.

De xeito simultáneo en Santiago e Lugo, este obradoiro celebrarase en Compostela na Aula Verde da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (r/ Casas Reais, 8) e, en Lugo, na Aula 11 da Facultade de Humanidades en horario de 16.30 a 18.30 horas.

USC Sostible
Tanto o obradoiro como os Almorzos Xustos son actividades que a USC a través da súa Oficina de Desenvolvemento Sostible e do Servizo de Participación e Integración Universitaria están a desenvolver para a posta en marcha do programa formativo específico encadrado no proxecto ‘USC sostible. Comercio xusto, ciclos curtos de distribución e consumo responsable’, liderado en agrupación coa Asociación para o Comercio Xusto e Solidario PANXEA e en colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia grazas ao financiamento de Cooperación Galega, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a UE.

O proxecto enmárcase na Axenda 2030 de Nacións Unidas e apunta directamente ao seu Obxectivo de Desenvolvemento Sostible que busca garantir modalidades de consumo e produción sostibles. Concretamente o obxectivo específico é introducir o Comercio Xusto (CX) na USC e a súa contorna como alternativa de consumo responsable e sostible. Para a acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es) ou contactar no teléfono 881.812.872.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2016.