Pasar al contenido principal

O armiño dorme, de Neira Cruz, obxecto dunha tese na Universidade de Bologna

O armiño dorme, de Neira Cruz, obxecto dunha tese na Universidade de Bologna
O armiño dorme, de Neira Cruz, obxecto dunha tese na Universidade de Bologna
Neira Cruz ofrece un seminario sobre a súa obra na Facultade de Tradución e Interpretación en coincidencia coa defensa pública do traballo de Sara Bolzoni

A literatura galega deu onte un paso máis cara á súa internacionalización e recoñecemento fóra das nosas fronteiras. A novela O armiño dorme, do profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Xosé A. Neira Cruz, foi elixida pola estudante Sara Bolzoni para realizar a súa tese de doutoramento ‘Il romanzo storico crossover. O armiño dorme di Xosé A. Neira Cruz: proposta di traduzione in italiano’.

Sara Bolzoni abordou un traballo de interpretación e contextualización histórica da novela, así como unha aproximación comparatista tendo en conta todas as edicións da obra en galego, castelán, catalán e portugués. O miolo da súa tese, en todo caso, é a elaboración dunha proposta de tradución ao italiano da novela galega, que foi valorada polo tribunal avaliador coa máxima nota. Algunhas editoriais italianas xa amosaron o seu interese en coñecer o resultado desta tese, con vistas a unha posible edición en Italia de O armiño dorme.

Á defensa pública do traballo, dirixido pola profesora da Facultade de Linguas e Literaturas, Tradución e Interpretación da Universidade de Bologna Gloria Bazzocch, asistiu o propio Neira Cruz, que á súa vez participou nun seminario formativo sobre a súa obra dirixido a alumnos de primeiro e terceiro cursos de Tradución.

Non é este o primeiro recoñecemento internacional que acada a novela de Neira Cruz editada en galego por Galaxia dentro da colección Costa Oeste. Xa fora galardoada por parte da Fundaçâo Nacional do Livro Infantil co Premio á Mellor Novela Estranxeira publicada en Brasil en 2006, así como considerada en 2004 por parte do Banco del Libro de Venezuela entre as 10 mellores novelas para mozos publicadas en todo o mundo, ademais de ser incluída na lista de White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnic ou destacada na IBBY Honour List.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2016.