Pasar al contenido principal

Cristina Montes pecha este mércores o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto de arpa no auditorio da Casa do Saber

Cristina Montes, arpista
Cristina Montes, arpista
A actuación, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo

A arpista sevillana Cristina Montes Mateo pecha este mércores 18 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2016’ cun concerto estruturado en dous actos e durante o que interpretará obras de F. Godefroid, J. Guridi, N.C. Bochsa, E. Parish-Alvars, C. Saint-Saëns, M. Grandjany, G. Gombau e Manuel de Falla.

Gañadora por unanimidade do 1º Premio doTorneo Internazionale di Musica en Roma, e do 1º Premio no 32º Concorso Internazionale di Arpa ‘Premio Valentino Bucchi’, Cristina Montes tense consagrado como unha das arpistas internacionais máis importantes da súa xeración. Nada en 1984 en Sevilla, onde comezou os seus estudos musicais, que logo perfeccionaría en Londres en na Akademie da Staatskapellede Berlín, baixo a dirección do mestre D. Barenboim, Cristina Montes ofreceu recitais con grande éxito por toda Europa, EE.UU., Xapón e Sudamérica. A este amplo elenco de repertorios, Cristina Montes suma tamén concertos para arpa e orquestra xunto co Ensemble Orchestral de París, Orquestra Simón Bolívar de Venezuela, Orquesta Filarmónica de Málaga, Orquestra da Comunidade Valenciana do Palau de les Arts, Orquestra de Santiago de Chile, ou a Orchester des Theaterfür Niedersachsen Hannover. Na actualidade Montes, é arpa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana do Palau de Les Arts Reina Sofía de Valencia, dirixida por L. Maazel, Z. Mehta, G. Prêtre, V. Gergiev e R. Chailly. Ademais, actúa frecuentemente tamén como solista da Münchner Philharmoniker, a Orquesta Nacional de España, e a Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, xunto a P. Boulez, sir Colin Davis e B. Haitink. Dende 2013, é tamén profesora catedrática de Arpa no Conservatorio Superior de Música "Joaquín Rodrigo" de Valencia. Así mesmo, imparte con regularidade clases maxistrais en multitude de orquestras novas, no Birmingham Conservatoire, e no Berklee College of Music. Un dos seus últimos traballos foi o CD en solitario ‘ Obras para arpa’, con 11 estreas de compositoras españolas. O concerto de Cristina Montes comezará ás 20.00 horas no auditorio da Casa do Saber. A entrada é libre e de balde, como todos as actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, así como da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2016.