Pasar al contenido principal

Ciencias acolle este venres as xornadas de constitución do Colexio Profesional de Dietistas Nutricionistas de Galicia

A Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC acolle este venres as xornadas constitutivas do Colexio Profesional de Dietistas Nutricionistas de Galicia, un foro que se desenvolverá en quenda de mañá e que será inaugurado, ás 12.30 horas, polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, no marco dun acto no que tamén intervirán o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, e o presidente da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas, José Antonio López Gómez.

O programa destas xornadas comezará cunha intervención da presidenta do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Dietistas e Nutricionistas de España, Alma Palau, na que analizará a situación actual e o futuro que lle agarda a esta profesión. De seguido, o avogado Antonio Valls falará sobre o marco legal de regulación da profesión. A quenda de relatorios rematará cunha intervención de Giuseppe Russolillo, patrono da Fundación Española de Dietistas Nutricionistas, que ofrecerá unha visión global da profesión no mundo. A importancia da colexiación profesional dos dietistas nutricionistas centrará os debates da mesa redonda que servirá de colofón destas xornadas e na que, ademais dos tres relatores antes citados, tamén participará o presidente da Asociación Galega de Dietistas Nutricionistas, José Antonio López Gómez. Esta sesión de análise e debate servirá de colofón das xornadas, que terán continuidade en quenda de tarde, a partir das 16.45 horas, coa celebración da asamblea de constitución do Colexio Profesional de Dietistas Nutricionistas de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2016.