Pasar al contenido principal

O CITT do Campus Terra xestiona 4,5 millóns de euros para I+D+i en 2015 tras duplicar os contratos con empresas e entidades

De esquerda a dereita, Manuel Varela, Juan Viaño, Darío Campos e Jaime López, trala sinatura do convenio
De esquerda a dereita, Manuel Varela, Juan Viaño, Darío Campos e Jaime López, trala sinatura do convenio
USC, Caixa Rural Galega, Deputación de Lugo e CEL renovan o convenio para o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, dotado con preto de 60.000 euros

O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra da USC duplicou en 2015 os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas, que representaron máis de tres dos 4,5 millóns de euros captados na sede universitaria luguesa para a realización de actividades formativas e proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación durante o pasado exercicio.

Os datos económicos xestionados en 2015 polo CITT do Campus Terra e ligados á actividade científica desenvolvida na sede universitaria luguesa deunos a coñecer o reitor Juan Viaño no marco do acto de sinatura de renovación do convenio para o mantemento desta oficina da Vicerreitoría de Investigación da USC na sede universitaria luguesa, que no trienio 2013-2015 xestionou fondos por un importe global de 14,2 millóns de euros. O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) tamén participaron no acto de sinatura do convenio. O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra remonta as súas orixes a 1995, lembrou Viaño, quen logo de salientar que esta oficina contribúe a situar a USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á contorna social, fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no CITT como ás entidades que apoian un convenio que conta cunha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros e a Deputación Provincial de Lugo, 9.500. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha. Viaño salientou o importante cometido que está chamado a desenvolver o CITT no contexto do Campus Terra e nomeadamente na súa conexión coa contorna socioeconómica. O reitor da USC argumentou neste senso que o incremento dos fondos captados en 2015 por esta oficina universitaria a través de contratos, convenios e informes con empresas entidades públicas dá boa conta do aliñamento da investigación desenvolvida no Campus Terra co tecido social e empresarial que o rodea e tamén proba a súa repercusión e impacto na sociedade. Balance actividades 2015 O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus Terra xestionou en 2015 un total de 198 actividades e os fondos captados e xestionados por este órgano na sede universitaria luguesa posibilitaron a contratación de 28 persoas con cargo a convocatorias de concorrencia competitiva, ademais doutras 130 para o desenvolvemento doutros proxectos e actividades de investigación. Alén da actividade de I+D+I canalizada a través do CITT do Campus Terra, o reitor Juan Viaño destacou o esforzo que está a realizar a USC neste eido na sede universitaria luguesa, onde se veñen de inaugurar as novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), que requiriron un investimento de 10 millóns de euros. O desenvolvemento do plano estratéxico do Campus Terra, no que se inclúen accións de mellora de infraestruturas de investigación, tales como os laboratorios da RIAIDT, a Estación Científica do Courel, Plataforma Tecnolóxica de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), animalario da Facultade de Veterinaria, laboratorios da Facultade de Ciencias e invernadoiros da Escola Politécnica Superior, é outra proba da aposta da USC pola I+D+I na sede universitaria luguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2016.