Pasar al contenido principal

Abordan en Santiago a reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea

Abordan en Santiago a reforma da gobernanza pesqueira  internacional e europea
Abordan en Santiago a reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea

A reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea será o eixo de debate dunhas xornadas que se desenvolverán na Facultade de Dereito entre os días 2 e 4 de novembro organizadas pola Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC.

As xornadas inauguraranse este mércores ás 16.30 horas na sala de xuntas do centro nun acto no que participarán a vicerreitora de Internacionalización da USC, a conselleira do Mar, a vicedecana de Calidade e o coordinador do encontro, Julio Jorge Urbina. A continuación, terá lugar a primeira sesión sobre a utilización sostible dos mares e a protección dos ecosistemas mariños.

A tenor da situación de sobreexplotación e esgotamento dos stocks pesqueiros na maioría dos caladoiros, nas xornadas abordarase desde unha perspectiva interdisciplinar o conxunto de problemas de gobernanza que afectan a pesca a nivel mundial e que teñen repercusións non só ambientais senón tamén económicas e sociais. Así, durante as diferentes sesións combinaranse as análises xurídicas, politolóxicas e económicas e examinarase o impacto sobre os sectores pesqueiros español e galego.

No actual contexto marítimo internacional, os organizadores constatan a necesidade de revisar os enfoques tradicionais na administración dos recursos vivos mariños para así elaborar novos criterios de xestión pesqueira que permitan continuar coa súa explotación, pero tendo cada vez máis en conta o relativo á conservación destes recursos para garantir a súa sustentabilidade. Isto implica, matizan, que se deben introducir cambios no marco legal internacional e nos modelos de xestión económica, “que teñen importantes repercusións para os sectores pesqueiros galego e español, xa que deben adaptarse para manter a súa competitividade”.

As xornadas enmárcanse na execución do proxecto de investigación ‘A reforma da gobernanza pesqueira internacional e europea. Retos para o sector pesqueiro español’ financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade no marco do Programa Estatal de I+D+i orientada aos Retos da Sociedade. O equipo que traballa no proxecto é o froito da colaboración do grupo de estudos internacionais do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado e do de economía pesqueira e recursos naturais do Departamento de Economía Aplicada, ambos os dous da USC, xunto con investigadores do Instituto de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña e da Universidade de Porto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2016.