Pasar al contenido principal

A Asociación Europea de Televisións Rexionais gaña o XX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

De esquerda a dereita, Fernando Ojea, Anxo Lorenzo, Juan Viaño, Jean-Marc Dubois, Marek Kreglewski e Isabel Lirola (Foto: SERVIMAV)
De esquerda a dereita, Fernando Ojea, Anxo Lorenzo, Juan Viaño, Jean-Marc Dubois, Marek Kreglewski e Isabel Lirola (Foto: SERVIMAV)
O premio en metálico destinarase ao Centro da Xuventude Europea para un campamento de verán de paz con mozos europeos e refuxiados

O Grupo Compostela de Universidades (CGU) e a Xunta de Galicia anunciaron este martes a decisión de entregar o XX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia a CIRCOM, a Asociación Europea de Televisións Rexionais de Servizo Público, como recoñecemento polo seu apoio á diversidade e ao desenvolvemento rexional en Europa.

O anuncio fíxose nunha rolda de prensa na que participaron o presidente do Grupo Compostela, Marek Kreglewski, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, o presidente de CIRCOM Rexional, Jean-Marc Dubois, e o secretario xeral desta institución, Fernando Ojea.

O xurado do premio, formado por tres representantes da Xunta de Galicia e tres das universidades membro do Grupo Compostela, valoraron o apoio que CIRCOM Rexional fai a prol da diversidade cultural europea, así como “a promoción dos valores de tolerancia e integración na construción da identidade europea”, tal como sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa.

Pola súa banda, Jean-Marc Dubois agradeceu o galardón destacando que “o propósito do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia de promoción do ideal común europeo é exactamente o propósito de CIRCOM”. Ademais, anunciou que a dotación económica do galardón de 6.000 euros será destinada ao Centro da Xuventude Europea, unha organización do Consello de Europa que organiza no mes de xullo un campamento de verán de paz que xuntará en Estrasburgo a mozos europeos e de países en conflito. Este apoio será destinado a que mozos refuxiados sirios poidan participar neste campamento.

Tras o anuncio do premio a CIRCOM Rexional, o seu presidente e o seu secretario xeral mantiveron unha charla-coloquio con estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación baixo o título ‘Canles rexionais de servizo público: unha ferramenta para a democracia en Europa’.

CIRCOM Rexional
CIRCOM Rexional nace no ano 1983 da man dun grupo de profesionais de diversas televisións europeas co propósito de axudar a desenvolver as identidades rexionais en Europa. A idea de base era utilizar o importante rol da televisión no desenvolvemento da idea de Europa.

Hoxe está formado por unhas 300 canles de televisión de 33 países europeos nas que traballan máis de 10.000 profesionais, e ten como obxectivos principais o intercambio de ideas e experiencias, o fomento das coproducións entre os seus membros, servir de punto de encontro de profesionais e investigadores dos medios e contribuír ao desenvolvemento das culturas e identidades europeas con prácticas innovadoras.

O Premio
O Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. Nesta edición, o xurado tivo que decidir entre máis de 20 candidatos. Nas tres últimas edicións o Premio recaeu no programa Erasmus (2015), o científico sueco Lennart Levi (2014) e a canle europea de noticias Euronews (2013).

A cerimonia de entrega terá lugar o 20 de setembro de 2016, no marco da XXII Asemblea Xeral do CGU, que este ano se celebrará na Universitat Jaume I de Castellón.

o presidente de CIRCOM Rexional, Jean-Marc Dubois (Foto: SERVIMAV) Jean-Marc Dubois impartiu este martes unha charla en Ciencias da Comunicación (Foto: SERVIMAV)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2016.