Pasar al contenido principal

O VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil citará no Campus Terra escolares de Galicia, Cataluña e Estremadura

Cartaz do VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil
Cartaz do VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil
O programa, organizado pola Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia e a Fundación Barrié terá lugar na Facultade de Ciencias do 12 ao 14 de maio

O VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil, un programa impulsado pola Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado (Ucetag) en colaboración coa Fundación Barrié, citará do 12 ao 14 de maio na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC estudantes de ensino secundario de diversos centros educativos de Galicia, Estremadura e Cataluña.

Os obxectivos deste programa, que nesta edición ten por lema ‘Sigamos contaxiando a ilusión por investigar’, pasan por promover a investigación entre o alumnado, empregando a aula, o laboratorio, o entorno e os medios materiais axeitados para adquirir as competencias básicas fundamentais e motivar ao alumnado no estudo práctico das ciencias experimentais, humanísticas, lingüísticas… A divulgación desta experiencia científica ao resto da comunidade escolar, en aras a que se sume este tipo de actividades, e a potenciación do traballo de investigación en grupo, constitúen outros dos cometidos dun foro aberto á participación de estudantes dos dous últimos cursos da ESO e profesorado de ensino secundario e en cuxa organización tamén colabora a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través da súa subdirección Xeral de Economía Social e o proxecto Glu-ON, que promove a creación dunha Rede de clubs de ciencia galegos entre outras actividades. O VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil antóllase como un espazo de intercambio de experiencias e coñecementos de asistencia libre e gratuíta para todas as persoas interesadas. Daquela, se algún centro de ensino ten interese en que o seu alumnado asista a calquera das actividades programadas soamente ten que confirmar a súa presenza con antelación a través do número de teléfono 986 866 149 ou no enderezo de correo electrónico info [at] ucetag.org (info[at]ucetag[dot]org).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2016.