Pasar al contenido principal

A educación na montaña centra esta fin de semana en Cervantes a temática do IX Encontro de Debate sobre o Medio Rural

Cartaz do IX Encontro de Debate sobre o Medio Rural'
Cartaz do IX Encontro de Debate sobre o Medio Rural'
O foro, promovido pola USC e Nova Escola Galega, quere por en valor o labor educativo que se desenvolve nas áreas de montaña ao tempo que urxe máis coidados e atención

O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (NEG) e a USC celebran esta fin de semana no CPI de Cervantes o IX Encontro de Debate sobre o Medio Rural, un foro interdicisplinar orientado á participación da comunidade educativa, pero tamén aberto ao público en xeral, que nesta edición leva por título ‘A educación soñada na montaña’.

A posta en valor do labor educativo que se está a desenvolver nas áreas rurais de montaña é un dos cometidos destes encontros, a través do que o colectivo de educadores e demais persoas e colectivos que traballan a prol das áreas rurais de Galicia, apoian a defensa dunha educación con dignidade para as zonas de montaña de Galicia. Un relatorio sobre a traxectoria experimentada polo colexio de San Román, a cargo do director do CPI de Cervantes, Marcial Bernedo Vilor, abrirá este sábado, ás 10.00 horas, a quenda de intervencións dun foro que, ao longo de dúas xornadas, afondará sobre a necesidade de elaborar proxectos de escolarización específicos para o medio rural, a partir dun modelo de escola integrada na contorna, na comunidade local e na cultura rural, tal e como o fixo o grupo de mestras da montaña xurdido precisamente en Cervantes na década dos anos 70 do século pasado. A presentación de Cervantes como referente comunitario e educativo dentro das áreas galegas de montaña e a configuración dun grupo de acción que se ocupe de coordinar e integrar iniciativas, ademais de demandar unha mellor atención e coidado da educación no medio rural, constitúen outras das pretensións do IX Encontro de Debate sobre o Medio Rural O programa deste encontro, deseñado, entre outros, por Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación da USC, e Francisco Xosé Candia Durán, profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado, está estruturado en tres bloques, cuxa temática xirará arredor da relevancia de Cervantes como enclave dinamizador da montaña galega, dos proxectos de planificación educativa no medio rural e das experiencias vitais na montaña na actualidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2016.