Revisan en Dereito a contratación bancaria
Cláusulas abusivas, comisións ou abusos serán algúns dos temas a tratar nunhas xornadas que este xoves 12 e o 19 analizarán polo miúdo diversas cuestións actuais en materia de contratación bancaria. O encontro, que comeza ás 16.00 horas, desenvolverase no salón de graos da Facultade de Dereito.
Logo da apertura esta tarde intervirá o profesor de Dereito Civil da USC Javier Lete, que falará sobre a xurisprudencia do TXUE en materia de cláusulas abusivas na contratación bancaria, a quen lle seguirá o avogado Gonzalo Fernández cun relatorio sobre as comisións. A continuación terá lugar unha mesa redonda sobre a cláusula solo na que participarán a maxistrada Salomé Martínez e o xefe de Servizo na Consellaría de Facenda, Alberto Gutiérrez Piñeiro. A xornada rematará cunha charla do notario Faustino Rodríguez-Segade titulada ‘O control notarial das cláusulas abusivas na contratación bancaria’.
A xornada do xoves 19 profundará en cuestións referidas á negociación banca-empresa, os abusos bancarios ou a impugnación da contratación de produtos financeiros.