A proba de avaliación das competencias profesionais dos estudantes de último curso de Medicina mobilizou esta fin de semana arredor de 300 persoas
A celebración da Avaliación de Competencias Obxectivas e Estruturada (ACOE), o bloque práctico do Traballo Fin de Grao de Medicina, mobilizou esta fin de semana arredor de trescentas persoas entre profesores, PACS, titores clínicos, colaboradores docentes, MIR, persoal de administración e servizos, actores e actrices. A súa implicación foi necesaria para avaliar a competencia profesional dos/as 309 estudantes que están a piques de rematar os seus estudos universitarios.
Segundo estima o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal, trátase da máis numerosa de cantas se celebran en España polo volume de persoas que participan entre alumnado e organización. O desenvolvemento desta proba de simulación médica transcorreu conforme estaba proxectada, o que foi posible segundo o propio Juan Gestal grazas “ao esforzo, dedicación e traballo feito” de todas as persoas participantes.
A proba desenvolveuse entre as 8.00 e as 21.00 horas do sábado a través de 100 consultas simuladas organizadas en cinco quendas. En grupos de 20 estacións simultáneas nas que cada estudante atopou un caso clínico, sete baseáronse en pacientes estandarizados con cadansúa estación complementaria, catro estaban dotadas con manequíns e outras dúas foron para a interpretación de material pictográfico.
En cada consulta, o/a alumno/a tiña que resolver a situación clínica que se lle presentaba, xa fose entrevistando ou explorando a un paciente estandarizado (un actor/actriz especialmente adestrado). O exercicio permitiu valorar unha determinada habilidade clínica interpretando unha proba diagnóstica (analítica, imaxe,...), emitindo un xuízo clínico, propoñendo unha pauta de tratamento ou calquera outra actividade relacionada coa práctica clínica médica habitual. Esta estrutura de proba, na que se avaliaron 20 ítems por consulta –un total de 400 ítems a cada estudante- cumpre coas recomendacións da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Medicina.
A realización de ACOE “é fundamental para garantir a calidade da docencia do grao de Medicina ao permitirnos detectar as competencias nas que é preciso mellorar a formación do alumnado, asegurando un proceso de mellora continua de calidade”, valora o decano Juan Gestal. A preparación e organización do proceso foi “moi complexa e involucrou un nutrido grupo de persoas”, explica o Juan Gestal. Baixo a coordinación do profesor Víctor Arce, a Comisión Académica da Facultade aprobou a estrutura da ACOE, labor que se complementou co dun grupo de traballo específico, responsable da selección e elaboración dos casos clínicos de cada unha das estacións de consulta. Finalmente, hai que sumar os coordinadores das cinco roldas de consultas, aos que hai que sumar preto de 40 actores e máis de cen profesores.