Pasar al contenido principal

O foro internacional RegioResources21 apremia a valorizar os servizos culturais dos ecosistemas alén do seu impacto turístico

De esquerda a dereita, Silva, García, Díaz e Fürst, na apertura da RegioResources21 na Escola Politécnica Superior
De esquerda a dereita, Silva, García, Díaz e Fürst, na apertura da RegioResources21 na Escola Politécnica Superior
A conferencia do Instituto Europeo de Usos do Territorio cita no Campus Terra da USC representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos

Os valores e servizos culturais que ofrecen os ecosistemas son múltiples e poden apreciarse e analizarse desde diferentes perspectivas, pero a obxectivación económica dos beneficios que reportan aínda é moi escasa, porque se reduce a aqueles casos asociados á existencia de fluxos e impactos do turismo, segundo sinalou este mércores a profesora de Economía Ambiental da USC María Loureiro. A investigadora luguesa fixo estas declaracións no relatorio de apertura do foro internacional RegioResources21, unha conferencia internacional promovida polo Instituto Europeo de Usos do Territorio que reúne ata o venres na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos.

A valoración dos servizos culturais nos ecosistemas europeos do Sur de Europa non é acorde coas múltiples prestacións que reportan os bosques e as paisaxes naturais para o maior grao de benestar da poboación e como elementos que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas, ben como espazos de lecer ou para usos educativos, culturais e mesmo estéticos ou patrimonais, dixo Loureiro. Esta investigadora luguesa alentou neste senso a avanzar na maior concienciación social dos efectos positivos dos servizos culturais dos ecosistemas. A Administración europea xa está a dar pasos nesta dirección e incluso existen medidas económicas para incentivar iniciativas e prácticas orientadas a progresar na valorización deste tipo de prestacións culturais que deparan os ecosistemas. A relevancia dos servizos culturais e importancia económica e social da súa xestión foi un dos argumentos esgrimidos pola vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva, na inauguración oficial deste congreso, unha sesión na que tamén interviñeron a subdirectora da Escola Politécnica Superior, Ana García Arias; e os coordinadores do foro, o profesor Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPS Emilio Díaz e a tamén investigadora Christine Fürst. Obxectivos e programa O RegioResources21 constitúe unha iniciativa de carácter internacional que botou a andar hai xa un lustro coa pretensión de establecer un diálogo interdisciplinar e permanente sobre elementos de sustentabilidade ambiental na planificación e ordenación do territorio , toma de decisións e desenvolvemento de políticas a múltiples niveis e escalas. Nesta edición, o congreso está estruturado en tres sesións temáticas, nas que distintos relatores procedentes de Eslovaquia, Alemaña, Polonia, Italia, Finlandia e España, abordarán cuestións relativas a servizos de ecosistemas culturais e desenvolvemento rexional sustentable, cartografía e avaliación destes servizos, e gobernanza de bens culturais. Os promotores deste programa, cuxos relatorios están abertos á participación do estudantado do Campus Terra da USC, pretenden que este tipo de reunións científicas contribúan a proporcionar unha visión xeral sobre solucións innovadoras para atallar os problemas advertidos nos chamados ecosistemas culturais. Facilitar o intercambio intelectual e a transferencia metodolóxica entre as diferentes disciplinas implicadas na xestión de recursos rexionais, planificación, toma de decisións e o apoio ao desenvolvemento de políticas para o uso sustentable dos recursos naturais e do territorio, son outros dos cometidos da RegioResources21. María Loureiro, antes da súa intervención na conferencia RegioResources21

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2016.