Pasar al contenido principal

A USC imparte o primeiro curso en tecnoloxías dixitais en Ciencias Sociais e Xurídicas

As tecnoloxías dixitais están propiciando o desenvolvemento da cuarta revolución industrial. Foto: Pixabay
As tecnoloxías dixitais están propiciando o desenvolvemento da cuarta revolución industrial. Foto: Pixabay

O primeiro Curso de perfeccionamento en tecnoloxías dixitais en Ciencias Sociais e Xurídicas celebrarase entre finais do vindeiro mes de maio e xullo, dirixido a estudantes de grao e posgrao da área de Ciencias Xurídicas e Sociais, así como a profesionais da economía, a avogacía, asesores e consultores, empresarios/as, persoal directivo, funcionarios/as das administracións públicas e público en xeral. O curso, no que xa é posible formalizar a matrícula, celebrarase a distancia empregando a plataforma Zoom para as videoconferencias. As clases celebraranse entre o 23 de maio e o 23 de xullo, estando dispoñible máis información na súa web.

Esta proposta formativa parte da idea de que unha cuarta revolución industrial está transformando a sociedade e a economía a un ritmo vertixinoso o que obriga a actualizar as competencias e habilidades dixitais por afectar a todos os ámbitos profesionais. O curso pretende ademais responder ao retos formulados polo Plan coordinado sobre Intelixencia Artificial da Comisión Europea que propón desenvolver a interdisciplinariedade mediante o fomento de títulos conxuntos como dereito ou psicoloxía e intelixencia artificial (IA). Neste senso, este plan europeo subliña igualmente que o uso da IA debería incluírse en todos os plans de estudo de educación e formación.

O programa docente desenvolverá os conceptos fundamentais relativos a procesos e tecnoloxías disruptivas da sociedade e a economía dixital, entre outros, aqueles relacionados con procesos de automatización, cidades intelixentes, internet das cousas, big data, blockchain, criptomoedas, smarts contracts, fintech, ciberseguridade nas empresas, protección de datos na sociedade dixital ou administración electrónica, entre outros. O curso diríxeno os profesores César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, e Luis Otero González, titular de Economía Financeira e Contabilidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2019.