Pasar al contenido principal

Os servizos culturais dos ecosistemas e o patrimonio centran a temática dun congreso internacional na Escola Politécnica

Escola Politécnica Superior da USC
Escola Politécnica Superior da USC
Representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos participarán do 19 ao 21 de outubro na ‘RegioResources21’ no Campus Terra da USC

Os servizos culturais dos ecosistemas e o patrimonio cultural centrarán a temática e as intervencións programadas no marco do congreso internacional RegioResources21, un foro organizado polo Instituto Europeo de Usos do Territorio que congregará na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC representantes de 15 universidades e centros de investigación de seis países europeos do 19 ao 21 de outubro.

A RegioResources21 constitúe unha iniciativa de carácter internacional que botou a andar hai xa un lustro coa pretensión de establecer un diálogo interdisciplinar e permanente sobre elementos de sustentabilidade ambiental na planificación e ordenación do territorio , toma de decisións e desenvolvemento de políticas a múltiples niveis e escalas, segundo sinala o coordinador deste congreso, o profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPS, Emilio Díaz Varela. Esta reunión internacional está estruturada en tres sesións temáticas, nas que distintos relatores procedentes de Eslovaquia, Alemaña, Polonia, Italia, Finlandia e España, abordarán cuestións relativas a servizos de ecosistemas culturais e desenvolvemento rexional sustentable, cartografía e avaliación destes servizos, e gobernanza de bens culturais. Os promotores deste programa, cuxos relatorios están abertos á participación do estudantado do Campus Terra da USC, pretenden que este tipo de reunións científicas contribúan a proporcionar unha visión xeral sobre solucións innovadoras para atallar os problemas advertidos nos chamados ecosistemas culturais. Facilitar o intercambio intelectual e a transferencia metodolóxica entre as diferentes disciplinas implicadas na xestión de recursos rexionais, planificación, toma de decisións e o apoio ao desenvolvemento de políticas para o uso sustentable dos recursos naturais e do territorio, son outros dos cometidos da 'RegioResources21'.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2016.