Pasar al contenido principal

Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia recoñecen dous traballos da USC

Foto do grupo de investigación do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía, un dos autores do traballo
Foto do grupo de investigación do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía, un dos autores do traballo
Un recae nunha alternativa aos tratamentos con antibióticos en saúde bucodental e outro premia a aplicación por Reganosa dun software desenvolvido pola USC

A eficiencia enerxética e a saúde bucodental centran este ano os II Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados proximamente en Compostela.

Hai seis anos o grupo de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago facíase cun premio da RACG por un traballo de investigación básica sobre saúde bucodental. Ese equipo continuou avanzando ao longo deste tempo nos seus obxectivos e deu os seus primeiros pasos cara ao mercado. Agora, a mesma academia acaba de recoñecer este esforzo ao recoñecerlle a este grupo e a colaboración con outro da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral o galardón á investigación aplicada dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 para a formación dun dos seus investigadores.

Son en total dez científicos que, en colaboración coa empresa catalá Dentaid, lograron aplicar unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos que consiste en actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental, retrasando así a súa formación e a aparición de enfermidades como a carie ou a xinxivite. A fórmula, sen efectos secundarios e moi efectiva, evita os problemas de resistencias que acaban xerando os antibióticos así como as alteracións na flora intestinal que estes medicamentos poden provocar.

A viabilidade desta estratexia foi ratificada con ensaios in vitro realizados pola USC e a empresa Dentaid, con bos resultados na redución da formación de placa dental de entre o 80% e o 90% en mostras de pacientes sans e en polo menos do 50% en pacientes con diferentes patoloxías orais.

Segundo os investigadores, isto demostra o seu potencial de transferencia á industria biomédica en forma de enxaugues bucais e probióticos á vista da elevada cota de mercado que presenta: a carie afecta a máis do 52% dos escolares galegos de 12 anos, mentres que a periodontite é a principal causa da perda de pezas dentais nos adultos de todo o mundo.

Reganosa e USC
Os galardóns, organizados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), recoñecen tamén nesta segunda edición o caso de éxito de transferencia de tecnoloxía da empresa galega Reganosa dedicada ao transporte e regasificación de gas natural ao aplicar un software desenvolvido polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da USC. A contratación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da USC permitiulle á empresa incorporar unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia.

O software desenvolvido polos investigadores da USC e transferido a Reganosa, que o usa de xeito estable desde 2014 e que se segue perfeccionando, supera as limitacións das existentes no mercado. A ferramenta deseñada permite analizar a cadea de desenvolvemento das redes de transporte de gas dende a súa planificación ata o seu funcionamento en situacións nas que pode perigar a seguridade de subministración.

A solución desenvolvida baséase na aplicación da matemática industrial para simular, en calquera escenario, o funcionamento das redes de transporte de gas de xeito moi rápido (no caso da española, de 13.000 quilómetros, en menos de 10 minutos). A súa aplicación permite considerar todas as situacións de demanda posibles e tomar decisións de forma eficiente.

O rápido incremento do consumo de gas en Europa nos últimos dez anos, a posta en marcha do mercado organizado de gas en España a finais de 2015 e a progresiva unificación dos mercados na Península Ibérica son un contexto de grande oportunidade para esta ferramenta. No caso particular de Galicia, que ten un índice de gasificación de 8, case a metade da media española, é fundamental contar con tecnoloxías como esta, capaz de avaliar as mellores alternativas de deseño das súas futuras conexións.

Vidro de seguridade máis eficiente
Houbo ademais outro premio, na categoría de pemes, ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, que lle correspondeu a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes (A Coruña) desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias, dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2016.