Pasar al contenido principal

Regueifas de Ciencia pecha a súa primeira edición cun debate sobre ciencia e fe

Regueifas de Ciencia pecha a súa primeira edición cun debate sobre ciencia e fe
Regueifas de Ciencia pecha a súa primeira edición cun debate sobre ciencia e fe

Fernando Sánchez Dragó, Emili Marlés, Antonio Martínez Ron e Juan Ignacio Pérez ‘Iñako’ serán os encargados de debater acerca da coexistencia entre ciencia e relixión na que será a última actividade das ‘Regueifas de Ciencia’ deste ano, unha iniciativa de divulgación científica da USC financiada pola Fecyt.

¿Pode a ciencia por si soa explicalo todo?, ¿un maior progreso científico implica o declive da relixión?, ¿poden os científicos profesar algunha fe relixiosa?, ¿hai cabida para a espiritualidade nun mundo no que a ciencia avanza a pasos de xigante? ou ¿é a ciencia unha nova relixión en si mesma?. Para tentar dar resposta a todas estas preguntas e algunha máis, Regueifas da Ciencia convoca un novo debate o 10 de novembro ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación.

Defendendo a compatibilidade da fe e da ciencia estarán o novelista Fernando Sánchez Dragó e o sacerdote teólogo e físico Emili Marlés, que se enfrontarán dialecticamente ao xornalista e divulgador científico Antonio Martínez Ron e a Juan Ignacio Pérez ‘ Iñako’, coordinador da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco.

Todos participan
‘Regueifas de Ciencia’, que cun enorme éxito de aceptación pecha agora a súa primeira edición, consiste en diversos debates tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometrados, estrutura por bloques…) sobre cuestións polémicas baseadas na ciencia. Os transxénicos, o cambio de fuso horario en España e a experimentación científica en animais foron os temas dos tres anteriores.

Para comprobar a capacidade persuasiva deste tipo de acción dialécticas, á entrada da sala pregúntaselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que será confrontada xusto ao remate da sesión.

O equipo que organiza estes debates, que se retransmiten en streaming dende a facultade, comezou xa a preparar o terreo da regueifa animando a un debate previo a través das súas contas en Facebook e Twitter (@regueifaciencia).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.10.2016.