Pasar al contenido principal

Estudantes de ADE visitan Aspnais no marco dun proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo

Estudantes e docentes da Facultade de ADE, nas instalacións de Aspnais en Lugo
Estudantes e docentes da Facultade de ADE, nas instalacións de Aspnais en Lugo
O programa que están a implantar as materias de Creación de Empresas e Investigación Comercial busca fomentar as competencias do alumnado e a súa concienciación social

Estudantes de cuarto curso da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC matriculados nas materias de Creación de Empresas e Investigación Comercial realizaron unha visita ás instalacións de que dispón a Asociación de Pais e titores de persoas con discapacidade intelectual (Aspnais) na capital luguesa no marco dun proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo.

Os profesores responsables de impartir a docencia das dúas materias antes citadas, Begoña Barreiro, Fernando Losada, Guadalupe Vila e Sandra Castro, acompañaron aos estudantes universitarios nesta visita aos centros de Aspnais, unha acción a través da que se busca fomentar a adquisición de novas competencias por parte do estudantado, ademais de potenciar un maior grao de concienciación social do colectivo universitario cara estes colectivos. O alumnado que está a participar no programa de visitas organizado ao abeiro deste proxecto de innovación educativa en aprendizaxe-servizo deberá obter información sobre os diferentes produtos que elabora e comercializa Aspnais, para logo auspiciar medidas orientadas a mellorar a súa comercialización, ademais de para suxerir ou propoñer ideas de novos produtos que poderían ser desenvolvidos polos usuarios/as desta organización sen ánimo de lucro como actividade para avanzar na súa integración social. O coñecemento e a conseguinte difusión entre o colectivo universitario do labor que están a desenvolver organizacións sen ánimo de lucro, tal e como é o caso de Aspnais, e potenciar a sensibilidade cara este colectivo de persoas, constitúen outras das premisas do proxecto que vén de poñer en marcha a Facultade de Administración e Dirección de Empresas da sede universitaria luguesa. Visita a un dos obradoiros de Aspnais

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2016.