O Campus Terra da USC crea un método para avaliar e identificar riscos no uso das axudas mecánicas de mobilización de doentes
Unha investigación desenvolvida no Campus Terra da USC polo técnico de prevención de riscos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) Alberto Villarroya López sobre usos e factores de risco das axudas mecánicas na mobilización de doentes no ámbito sanitario permitiu o desenvolvemento da metodoloxía de avaliación da mobilización de pacientes (HEMPA). Este novo procedemento de análise e medición permite identificar da forma máis completa posible os diferentes factores de risco que coexisten e que están relacionadas ou son consecuencia do emprego de axudas mecánicas nos procesos de mobilización de doentes no ámbito sanitario.
O desenvolvemento da chamada metodoloxía HEMPA é o resultado das pescudas desenvolvidas por Villarroya López no marco da tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC baixo o título ‘Estudo dos equipos mecánicos para a mellora da mobilización de doentes no ámbito sanitario. Aplicación da norma ISO TR 12296-EN para o estudo do risco ergonómico’. Neste proceso de investigación e antes de propoñer como conclusión a nova metodoloxía HEMPA, Villarroya López tratou de cuantificar apropiadamente o nivel de risco derivado da mobilización de doentes a través do emprego de diversos métodos específicos de avaliación de riscos incluídos na norma ISO TR 12296-EN (Ergonomics: Manuel Handling of people in de healthcare sector) A tese de doutoramento desenvolvida por Villarroya López baixo a dirección de Francisco Fraga López, Santiago Díaz de Freijo e Pedro Martins Arezes, unha das máximas autoridades no eido da ergonomía, constitúe unha investigación pioneira en España pola súa temática. Os resultados e as conclusións acadadas logo deste exhaustivo labor de investigación antóllanse tamén como ferramentas útiles e valiosas para tratar de diminuír o número de casos de trastornos músculo-esqueléticos derivados da mobilización de doentes, tanto no ámbito hospitalario como no sector sanitario. Unha vez testados e verificados os datos resultantes desta investigación, procedeuse á creación dun software que inclúe dez parámetros a ter en conta á hora de facer análises ergonómicas. Este software atópase na actualidade hospedado de xeito provisional nun servidor do Hula, de onde se exportará a todas as españolas sociedades de prevención de riscos laborais, a fin de xeneralizar o uso da metodoloxía HEMPA. Tribunal de tese e cualificación O doutor en Medicina Preventiva e Saúde Pública e profesor da Universidade do País Vasco Alfonso Apellániz González presidiu o tribunal encargo de cualificar a tese de doutoramento desenvolvida na USC por Alberto Villarroya López. O enxeñeiro industrial e ergónomo Gustavo Adolfo Rosal López e o profesor da USC na Facultade de Ciencias, Carlos Herrero Latorre, completaron a composición do xurado, que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese de Villarroya López. De esquerda a dereita, Arezes, Villarroya, Fraga e Díaz de Freijo, en Ciencias