Pasar al contenido principal

A Cátedra José Ángel Valente organiza un novo Encontro Internacional de doutores e poetas

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética organiza este martes 4 un Encontro Internacional de doutores e poetas que dá continuidade aos xa realizados con poetas como Antonio Gamoneda ou Bernard Noël ou con filósofos como José Luis Pardo. Na sede da Cátedra, na Facultade de Filoloxía, a partir das 19.00 horas intervirán o investigador italiano Stefano Pradel, autor dunha tese de doutoramento sobre Valente na Università degli Studi di Trento, para falar sobre ‘Avances sobre Valente en Italia’. Seguiralle a investigadora francesa Claudie Terrasson, catedrática da Université Paris-Est-Marne-La-Vallée e doutorada cunha tese sobre o poeta galego, que analizará a situación dos estudos sobre Valente no seu país de orixe.

A xornada completarase coa celebración dun recital poético, a partir das 20.00 horas, no que tamén se desenvolverá unha conversa con Theodoro Elssaca, poeta, ensaísta, artista visual e fotógrafo antropoloxista chileno. O autor impartirá o mércores 5 a conferencia ‘Gonzalo Rojas e a poesía chilena no centenario do nacemento do poeta’, na Aula D03 da Facultade de Filoloxía ás 13.00 horas. Theodoro Elssaca mantivo amizade do poeta chileno e Premio Cervantes, Gonzalo Rojas, así como alumno do tamén poeta Nicanor Parra. Comprometido co legado poético dos grandes poetas do seu país, como Gabriela Mistral, Vicente Huidobro e Pablo Neruda, colabora coas súas fundacións e incorpora as súa voces á súa propia obra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2016.