Pasar al contenido principal

Cabreiros lembra a figura de Anxo Guerreiro nas XI Xornadas Interxeracionais Rurais, promovidas pola USC

Cartaz das xornadas
Cartaz das xornadas

As XI Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, un foro organizado polo Concello de Xermade en colaboración coa Facultade de Ciencias da Educación da USC recuperarán este sábado, día 30 de maio, a figura do veciño de Roupar Anxo Guerreiro Carreiras, finado en 2013.

As xornadas, que nesta undécima edición se desenvolven os días 30 de maio, 6 e 13 de xuño baixo o lema ‘Aprendendo cos nosos maiores’ en tres xornadas, comezan este sábado, a partir das 10.30 horas, cun acto inaugural presidido polo alcalde de Xermade, Tomás Rodríguez Arias, e no que tamén intervirán representantes da USC, así como da Asociación de Veciños de Cabreiros, Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia (Ceesg), así como do movemento de renovación pegadóxica Nova Escola Galega. Logo desta sesión, o profesor no compostelán IES A. Xelmírez I Ricardo Gurriarán fará unha semblanza con apuntes biográficos do político galego nado na parroquia xermadesa de Roupar. A intervención de Gurriarán terá continuidade de seguido nunha mesa redonda, que estará moderada polo xornalista chairego Moncho Paz e na que intervirán como relatores o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e o ex conselleiro da Xunta de Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. As XI Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros continuarán o 6 de xuño coa celebración do I Encontro das Asociacións Veciñais e Culturais do concello de Xermade para chegar ao seu remate o sábado seguinte, día 13 de maio. Un relatorio sobre o coidado dos ollos e as principais doenzas, a cargo do oftalmólogo Matías García-Anllo, a entrega e presentación do premio Xermade na Historia e as décimas xornadas chairegas de xogo popular e tradicional servirán de colofón deste foro, no que tradicionalmente conta cunha ampla ampla participación de estudantes e profesores da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.05.2015.