Pasar al contenido principal

Os alumnos da USC David Fontán e André Vicente gañan o II Premio 'La Caixa' de Comunicación Científica

Os alumnos da USC David Fontán e André Vicente son os gañadores da segunda edición do Premio Universitario 'La Caixa' de Comunicación Científica Contar a Ciencia, que convoca GCiencia co apoio da Secretaría Xeral de Universidades de la Xunta, polo seu traballo titulado ‘Algas no agro galego: saber popular e ciencia por un futuro sostible’. En opinión do xurado, Fontán –estudante de Xornalismo– e Vicente –de Bioloxía– fixeron un magnífico traballo que inclúe texto, fotografías e materiais audiovisuais destacando “a calidade xornalística dos textos, a achega dos vídeos, a diversidade de fontes e perspectivas, o interese da temática e o conxunto” da reportaxe. Un dos dous accésits recaeu en Andrea Oca, de Ciencias da Comunicación da USC, pola súa reportaxe ‘Cara a cara co monstro: a calor loita coa anorexia’. “A súa redacción áxil e eficaz, a oportunidade do tema e o tratamento científico” do texto foron os elementos moi apreciados polo xurado. O outro accésit foi para o traballo de Sara Varela e Miguel Grandío, da Universidade de Vigo, ‘Obxectivo: deter o Alzhéimer’, unha reportaxe audiovisual na que, dende unha nova perspectiva, se analizan os avances no diagnóstico desta doenza. O xurado valorou a achega xornalística, a vontade de estilo e a orixinalidade de enfoque desta peza. O xurado do premio, que convocan GCiencia.com e 'la Caixa' co apoio da Secretaría Xeral de Universidades de la Xunta, estivo integrado por representantes das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Consellaría de Educación, da delegación territorial en Galicia do CSIC, da Real Academia Galega de Ciencias e por un representante de GCiencia e de 'La Caixa'. As reportaxes finalistas da segunda edición do premio foron Alberto Paz Calo (UVigo); Carlos Rey (USC); Paula Santos Barbeito (UDC); Raquel Pérez (USC); Alejandro Gándara (USC); Sabela González (USC); Pablo Vázquez Varela (UVigo); Alba María Rego (UVigo); Umá de Oliveira (UVigo); Yasgo Rodríguez (UVigo); Xiana Meda (USC); Ángeles Precedo (USC); e Yago Grela Ojea (USC). Divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus é o obxectivo do Premio Universitario ‘La Caixa’ de Comunicación Científica. O certame conta coa colaboración das tres universidades galegas e estaba dirixido a estudantes das súas respectivas facultades de Xornalismo e Comunicación para que, a través de reportaxes escritas ou audiovisuais, ou mediante a combinación de ambas as dúas modalidades, investiguen e conten a ciencia que se fai nos seus campus. GCiencia publicou entre o 8 maio e o 6 de xuño as mellores reportaxes escritas ou audiovisuais enviadas polos participantes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2015.