Xeografía acolle un congreso que analiza o goberno dos territorios dende múltiples enfoques
O grupo Análise Territorial (ANTE) organiza a segunda edición do congreso internacional ‘ Ante-Seted Estado, Territorio e Desenvolvemento’ abordando o goberno dos territorios dende os múltiples enfoques que reflicten a complexidade do tema. Neste senso, os seus promotores poñen a atención nas transformacións tecnolóxicas e as profundas mudanzas que están a coñecer as sociedades contemporáneas” e como estas “obrigan a reformularnos o xeito en como nos relacionamos co territorio”. No programa deseñado tamén haberá espazo para os procesos de urbanización, cuxa expansión “suscita novos desafíos”, así como “os graves problemas ambientais xurdidos como consecuencia das políticas económicas”, nun contexto no que xa se percibe como “grandes metrópoles nos países máis avanzados avanzan na innovación cara actitudes e accións menos agresivas co planeta” . Esta xuntanza pon sobre a mesa a comprensión do territorio como “un recursos non renovable e ademais moi fráxil. Os danos colaterais que o progreso causou en termos de pobreza, exclusión e destrución ambiental inflúen directamente sobre nós, independentemente da clase social á que se pertenza”.
As distintas xornadas programadas celebraranse na Facultade de Xeografía e Historia entre este mércores 1, a partir das 10.00 horas, e o venres 3 de xullo.