Profesorado e Veterinaria lanzan un curso de perfeccionamento sobre intervencións asistidas con animais no eido da educación
As facultades de Formación de Formación do Profesorado e de Veterinaria da USC lanzan primeiro curso de perfeccionamento sobre intervencións asistidas con animais (IAA) no ámbito da educación. Esta actividade formativa, dirixida polas profesoras da USC Lina Iglesias e Cristina Castillo, desenvolverase baixo o título ‘A educación asistida con cans na Educación Infantil e Primaria’ e está estruturada con 12 créditos académicos. Trátase dun curso de carácter semipresencial que ofrece a peculiaridade de que os alumnos e alumnas poderán participar cos seus propios cans se así o desexan, e en caso de non ter, cos animais facilitados polos docentes.
Este programa formativo, organizado ante o crecente interese que están a espertar as técnicas educativas e terapéuticas que inclúen animais de terapia, especialmente cans, permitirá ao alumnado inscrito acadar a formación necesaria para deseñar e desenvolver sesións de educación asistida con cans. As persoas participantes poderán ademais aprender as vantaxes que leva este tipo de intervencións para nenos e nenas con diversidade funcional. Os contidos deste seminario, o primeiro destas características impulsado e impartido na USC, inclúen nocións básicas sobre a principal ferramenta de traballo: o can. É importante valorar os principais signos de saúde e cando saber se os animais están ou non preparados para afrontar o contacto directo cos nenos. Este curso, pretende asemade concienciar acerca da importancia que teñen os coidados básicos da mascota como garantía dunha boa intervención con animais no ámbito da educación, de forma que a experiencia resulte gratificante tanto para a mascota como para o neno/a. Tamén se abordarán as diferentes técnicas de educación animal baseadas na obediencia básica e avanzada, envíos direccionais e trucos. As sesións presenciais cos cans terán lugar na Facultade de Veterinaria, os venres pola tarde e sábado pola mañá, concretamente os días 15, 16, 22 e 23 de xaneiro; 5, 6, 19 e 20 de febreiro e 4, 5, 18 e 19 de marzo de 2016. Outra das peculiaridades deste curso son as prácticas de campo que, cun total de 20 horas, realizaranse no campamento organizado en Lugo polas asociacións Rebicán rastrexando ilusións e Nenea medrar creando durante a Semana Santa. Estas dúas asociacións que veñen celebrando este tipo de actividades desde hai anos e que contan cunha acreditada experiencia neste campo. As sesións presenciais, de carácter eminentemente práctico, as titorías en liña e o uso da plataforma dixital, converten este curso nunha ferramenta flexible e profesional para formarse no ámbito da educación asistida con can. Durante o desenvolvemento do curso, os alumnos realizarán un exame en liña de conceptos básicos así como un exame práctico coa mascota. Unha vez rematado o período de formación, as persoas inscritas no curso deberán presentar un proxecto final baseado no deseño dun programa de intervencións asistidas con cans, orientado a Educación Infantil ou Primaria. O obxectivo deste curso, para o que se ofrece un número reducido de prazas, é que os alumnos saian preparados para afrontar a súa participación neste tipo de intervencións con garantías de éxito. O prazo de inscrición remata o 10 de decembro e data límite de matrícula é o 23 de decembro. A matrícula pode facerse na web da USC, onde tamén se atopará máis información ao respecto desta actividade formativa.