Pasar al contenido principal

Investigadores da USC ven nas cidades intelixentes unha oportunidade de xestión e planificación urbana

Investigadores da USC ven nas cidades intelixentes unha oportunidade de xestión e planificación urbana
Investigadores da USC ven nas cidades intelixentes unha oportunidade de xestión e planificación urbana

A conversión das cidades en Smart Cities forma hoxe parte fundamental da estratexia da Unión Europea de cara ao ano 2020 e cada vez comeza a mobilizar máis recursos humanos e económicos. Precisamente neste ámbito traballan o profesor da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais Celestino García Arias e o doutorando en Ciencia Política e consultor Benjamín Augusto López Rodríguez, membros do grupo ISÓPOLIS especializado en investigación social e políticas públicas.

Ambos os dous investigadores foron seleccionados polo comité científico do prestixioso Smart City Expo World Congress para presentar o seu traballo ‘Avaliación do deseño de indicadores en rankings de Smart Cities’. Neste congreso, que tivo lugar a pasada semana en Barcelona, profesionais e especialistas de todo o mundo abordaron os retos de transformación urbana que deberán afrontar as cidades no futuro próximo coa fin de garantir a sustentabilidade da nosa sociedade.

Na investigación da USC os autores destacan a necesidade de abordar unha conceptualización do termo razoada e exhaustiva, para o que diseccionaron a metodoloxía dos principais rankings internacionais que sitúan as cidades como Smart Cities. Os investigadores explican que ante a tendencia global de aumento e concentración da poboación nas cidades, a Smart City xurde como unha oportunidade de xestión e planificación urbana capaz de dar resposta aos novos retos a través do uso das TIC.

O traballo recolle tamén o resultado de analizar diferentes sistemas de indicadores de rankings que se refiren especificamente a Smart City e cuxo obxecto ten alcance internacional coa fin de reflectir factores a ter en conta e erros máis comúns que os comités de normalización de cidades intelixentes en países europeos deben evitar á hora de fixar un estándar como política pública.

Plataforma de difusión
A intervención de representantes da USC nese congreso serve para dar a coñecer o intenso traballo de investigación que neste eido se desenvolve nos seus dous campus. Na cita deste ano, xa consolidada como a de máis importancia do sector no ámbito internacional, contou coa maior participación internacional da súa historia: 500 cidades dos 5 continentes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2015.